Quen é Silvia Saavedra?

Silvia Saavedra naceu no ano 1995 en Navia de Suarna. Filla de persoas que se traballan no sector da restauración (Mesón Aarau), esta naviega criouse sostendo a convicción de que no medio rural se pode facer vida. Estudante do CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, habitou Lugo durante sete anos para estudar e tamén para corroborar que, hoxe por hoxe, o seu sitio está ó lado do discorrer do Navia.

 

Silvia Saavdra

 

 Estudos de capacitación profesional e primeiros pasos profesionais

Estudou no pobo ata os quince anos, época na que se trasladou a Lugo para estudar o Bacharalato. Posteriormente estudou un Ciclo Superior en Educación Infantil que combinou cun traballo nun centro de chamadas (callcenter). Despois de rematar a súa formación mantívose traballando de xeito presencial no centro mencionado, ata que, debido á pandemia, comezou a teletraballar dende Navia de Suarna. En total estivo catro anos explorando ese eido laboral que, para ela, foi crucial para percibir os seus primeiros ingresos e ter unha certa autonomía.

 

Regreso ao rural e nova etapa laboral: Casa Niño Argalleiros

A rutina da cidade foi agrandando nesta moza a necesidade de realizar un cambio de vida. O detonante desta situación foi o inicio da pandemia. Logo de estar un mes en ERTE retomou o seu traballo, en formato agora telemático, dende Navia de Suarna. Conta que nese momento lle cambiou completamente a percepción da súa ocupación, porque o feito de estar no lugar que ela quería aumentaba de xeito exponencial o valor do emprego.

Silvia tiña claro que traballaría como educadora ou docente, e quixo experimentar esta opción laboral en Lugo. Naquela época comezou a considerar que o modelo de persoa contratada podía non ser o que mellor encaixaba consigo mesma, e así apareceu a posibilidade de traballar como autónoma. Esta perspectiva laboral conxugouse cunha opción de futuro no momento no que puido optar por abrir unha Casa Niño. Aínda que ela expresa que podería optar por outro negocio relacionado coa infancia en Navia de Suarna, sería máis complexo para as familias poder acceder ao mesmo, así como para ela mesma por cuestión de volume de ingresos.

Cando Silvia regresou non se atopou con discursos negativos dende a súa familia polo feito de retornar ao medio rural. Ademais ela decidiu, ao seu regreso, non volver á casa familiar, senón comezar a vivir de aluguer.

 

Silvia Saavdra

 

Educación e medio rural

A piques de cumprir os quince anos, Silvia Saavedra abandoou Navia para marchar estudar a Lugo. Este éxodo tanto cara a capital da provincia coma cara a cabeceira de comarca (Becerreá) é moi frecuente entre as persoas de Navia de Suarna, que soamente contan cun servizo educativo ata cuarto de Educación Secundaria. O ano que Silvia deixou o seu instituto contábanse sesenta e tres estudantes de cero a dezaseis anos; sete anos despois a cifra reduciuse ata a metade. Esta naviega pon o foco na importancia de non privar o medio rural deste servizo que ela considera imprescindible para loitar contra o despoboamento. Pero non soamente fala do Bacharalato, senon que estende o argumento á Formación Profesional e á importancia de achegala máis aos potenciais estudantes.

Para matizar o seu argumento, Saavedra achega un aporte gráfico indiscutible: a revista escolar do CPI Plurilingüe Navia de Suarna. Na contracapa da mesma figuran nenas e nenos sostendo, escrito con xiz, a profesión que realizarían no futuro: profesionais da gandeiría, da veterinaria, axentes forestais, chefs,... A mocidade do CPI soña cun futuro que, ben seguro, estará influenciado por diversos modelos que os acompañan no seu día a día.  

 

Mocidade e medio rural

A orientación laboral ou o acompañamento durante o inicio da actividade profesional son cuestións que Saavedra atopa a faltar cando se fala de asentar mocidade no medio rural. Reclama unha orientación en rede e que non se centre soamente nun só concello, xa que moitas das saídas laborais (tanto no rural coma no urbano) pasan por explorar a contorna.

Por outra banda, Silvia destaca que, para traballar contra o despoboamento, será esencial o xuízo que a mocidade fai de sí mesma por vivir nunha zona non urbana. Traballar estereotipos vencellados ao uso da lingua, ás maneiras de vida e costumes sería imprescindible para naturalizar a identidade rural.

Unha das vantaxes que esta moza atopa á hora de vivir nunha vila do tamaño de Navia de Suarna é o abaratamento do alquiler. No seu paso pola capital de provincia atopouse con que o prezo era bastante elevado se se compara co que lle ofrecen hoxe en día.

 

Cultura e medio rural

A vida cultural continúa esperta en Navia de Suarna, pero non só no concello, senón nos Ancares entendido coma un conxunto. A chegada de diversas persoas de eidos diversos (Óliver Laxe, sector cinematográfico) sumada á presenza de actividades xa asentadas (foliadas e asociacións) están contribuíndo a mover a oferta cultural da zona.

Saavedra considera que, aínda que as administracións teñen un importante papel na dinamización cultural, as persoas da comarca teñen tamén unha responsabilidade colectiva no ocio. Ela destrúe as barreiras entre concellos para reclamar o traballo en comunidade e pon o énfase na xuventude: moita, ao longo do territorio, está vencellada a asociacións de música e baile tradicional, polo que existe un importante nexo común que podería servir como empaste social. Detecta, Silvia, que é máis común, especialmente en xeracións anteriores, que os homes teñan máis vida social que as mulleres, sobre todo porque eles fan máis uso dos bares (que é onde se concentra o groso do movemento a diario).

Non obstante, Silvia tamén recorda que a distancia entre Lugo e Navia de Suarna é asumible para achegarse unha vez á semana a desfrutar da programación cultural da cidade.

 

Conciliación e medio rural

As familias coas que traballa Silvia caracterízanse por estar aínda na busca dunha residencia estable, así como de melloras no sector laboral. Por este motivo recorda a importancia de que os servizos de coidado das crianzas pasen pola gratuidade, para así tamén incentivar a natalidade. No modelo de Casa Niño, as familias poden acceder a este servizo de xeito gratuíto. Moitas das crianzas que acoden a Argalleiros fano porque as súas familias consideran necesario o contacto con outras crianzas da contorna, pero sería probable que, de ser un servizo privado, fose un gasto que non se puidese afrontar.

 

Silvia Saavdra

 

De contar con todos os recursos económicos que ela quixera, atreveríase a crear un Bosque-Escola. Trataríase dun servizo que faga as programacións tendo en conta os recursos da contorna, e que tamén ofreza atención en horario de tardes, e facilitar a adaptación aos horarios familliares.

 

Sector primario e medio rural

Silvia, acostumada a facer unha análise da realidade que teña en conta a cuestión educativa, insiste no decisivo dos discursos familiares que escoitan as crianzas. Sería necesario, se se fala de sectores coma a agricultura ou a gandeiría, cesar na idealización de outras ocupacións en comparación coa que ten que ver co agro. Téndese a idealizar aquel traballo que realizan as persoas que viven nas urbes pero dende unha óptica de descoñecemento ou de malas experiencias.

O modelo do sector primario estase a transformar permitindo que as persoas que traballan no mesmo teñan unha maior calidade de vida. Explica, Silvia, que esta cuestión tampouco se coñece nas cidades.

 

Futuro e medio rural

O feito de que Saavedra indique aquelas cuestións que non comparte da realidade do medio rural non implica que non se mostre optimista sobre o porvir. A Covid-19 foi un proceso relevante neste parecer seu: no caso de Navia asentáronse persoas con e sen crianzas, o que fixo que o pobo sentise un importante pulo. En canto ao seu círculo inmediato, Silvia experimentou un retorno das súas amizades, todas elas con formación diversa.

Poida que sexa a máxima de “Xente chama a xente” a que mellor poida explicar esta incipiente inclinación cara ao retorno. A mocidade actúa como reclamo de outras persoas novas, debido a estas redes de apoio e contacto entre persoas que se criaron en comunidade que volven establecerse no pobo. Permanecer no medio rural pode ser complexo se non se conta cunha compañía habitual, e por iso Silvia enfatiza a importancia de ter con quen tomar un café, dar un paseo ou acudir a algunha actividade lúdica.

 

Diversidade e medio rural

A chegada dunha parella de persoas rusas a Navia de Suarna (Alisa Smirnova e Pavel Yakushevsuscita) o debate de se as comunidades rurais son ou non acolledoras da diversidade. Silvia considera que a xente moza está predisposta á recepción da novidade e do diverso e que, a xente maior, se sinte tamén agradecida de ver que se seguen achegando persoas. Non considera que o racismo ou a homofobia se atopen en maior medida no medio rural ca no medio urbano, aínda que cree que son grandes problemas sociais. Defende que esa percepción de rural atrasado e pechado á diferenza non é máis ca un estereotipo que non fai xustiza á verdade.

 

Despoboamento e medio rural

A crise demográfica é evidente neste municipio naviego, aínda que, como se mencionou con anterioridade, nos últimos anos observouse unha lixeira tendencia de aumento de poboación. A necesidade de traballadores en activo evidénciase, por exemplo, no eido dos coidados. Existen familias do concello que moven as persoas maiores (aínda residentes no medio rural) cara Lugo, co obxectivo de organizarse mellor para proporcionarlles uns coidados diarios.

Silvia acentúa algo que se adoita esquecer. Falando do despoboamento e ideando maneiras de habitar o rural, expresa que quizais deberían existir modelos diversos de asentamento. Parécelle interesante unha maneira a cabalo entre a cidade e o rural para facer un primeiro achegamento, sobre todo para aquelas persoas que nunca experimentaron unha maneira de vida rural.

 

Medio rural e telecomunicacións

O retorno de Silvia ao medio rural foi posible debido a que tiña un servizo de internet que lle permitía teletraballar dende o pobo. Aventura que habería moitas persoas que, de ter un bo servizo de cobertura online, se mudarían a entornos máis rurais. Aínda que continuar no proceso de mellora é preciso, Saavedra retrotráese dez anos na realidade de A Proba de Navia e agradece os avances feitos (instalación da fibra óptica no pobo). Recorda tamén que a conexión á rede non só é precisa para desenvolver certos traballos, senón tamén para buscar unha alternativa de ocio.

Aínda que cada vez son menos, continúan a existir zonas de sombra, caracterizadas por ter problemas de cobertura móbil e de acceso a un Internet de calidade. Máis isto non é exclusivo do medio rural ou de zonas illadas, senón que tamén existen lugares con estas necesidades que se sitúan próximos a urbes. Unha alternativa que xurdiu no concello foi a ideada dende Casa Quiñones, un espazo que, alén de ofrecer aloxamento turístico, proporciona un servizo de coworking que conta con wifi mediante fibra óptica, salas privadas para reunións, fotocopiadora ou pantalla para proxeccións.

O mencionado caso de Alisa e Pavel é un exemplo máis de como loitar doutro xeito contra o despoboamento e acoller a unhas novas persoas na comunidade. Repoboar non é soamente cambiar o lugar de residencia: pasa porque exista unha bidireccionalidade ou un intercambio entre a comunidade receptora e as persoas que chegan. A través dun idioma compartido (inglés) a inclusión destes mozos na sociedade naviega foi posible, e tamén a entrada deles ao mercado laboral.

 

Medio rural e calidade de vida

Falando de calidade de vida, unha das cousas que máis lle pesan a Silvia son aquelas que teñen que ver coa crianza no medio natural. Lembra que a súa infancia se caracterizou por poder explorar os arredores de Navia de Suarna, algo que é primordial para a autonomía persoal. A pesares de que hai servizos que deberían mellorarse, defende que o medio rural é un lugar totalmente válido para as crianzas.

 

Silvia Saavdra