Quen é Cristina Román?

Cristina habita San Simón (Vilalba) dende nena. Queixeira de profesión pero tamén de vocación, continúa fabricando o queixo afumado con denominación de orixe San Simón da Costa. Asemade, na casa prodúcese mel da man do seu compañeiro Iván.

 

Cris

 

Estudos e primeiros pasos profesionais?

Cristina medrou entre o leite e as vacas dunha gandería moi semellante a outras que a rodeaban, enchoupada das vistas do val de San Simón vertendo cara Vilalba. Estudou no concello vilalbés e, posteriormente, estudou Administración. Aínda que fixo unhas breves incursións laborais no sector, decidiu ampliar coñecementos a través dunha Formación Profesional en Informática que implantaba en Vilalba. Era unha época na que se comezaban a introducir os primeiros ordenadores, pero o cambio ocorría lentamente, polo que decidiu estudar á vez que continuaba axudando na queixería.

Rematou aquela formación e buscou emprego de novo como administrativa, pero ao ser algo lonxe da casa buscou algo que lle quedase máis preto. Cadroulle co inicio dunha actividade de informática en Vilalba, a cal lle ía cubrindo os gastos principais, pero subiu moi rápido a demanda, e mantívose como docente de competencias informáticas ata o curso 2016. Durante aqueles once anos de docencia impartiu tanto aulas en escolas coma clases individualizadas.

Naquel negocio montaron tamén unha tenda de informática, e ela pasou a facer tamén arranxos en aparellos informáticos, cousa que compatibilizaba coa docencia. Despois de ter a súa filla e de coller a queixería decidiu poñerlle o punto a aquela actividade.

 

Queixería Don Gabino: pasado e presente

Tanto na casa da nai de Cristina coma do seu pai había tradición de facer queixos, sendo súa nai a que achegaba os produtos a Vilalba camiñando nunha cesta. Na casa da familia paterna, o queixo facíase para autoconsumo, practicando a venda de xeito esporádico. Case en todas as casas de San Simón se mantiña este modelo de elaboración para o consumo doméstico.

Moito antes de existir a Queixería Don Gabino, os pais de Cristina xa tiñan vacas de leite, pero tiñan un importante problema no seu negocio: a falta de luz. A potencia que chegaba a San Simón era tan pequena que o muxido debía facerse a man. Tras recibir asesoramento, entre cinco persoas (entre elas o pai de Cristina) decidiron impulsar pequenas queixerías a través das cales solicitar a mellora da enerxía eléctrica.

Os pais de Cristina comezaron coa queixería nos nos 90 empregando o leite das súas propias vacas. A primeira vez que elaboraron sacaron sete queixos, algo impensable hoxe en día. Vendían o que as vacas producían, primeiramente sen controlar as épocas de excedente. A segunda cuestión que tiveron que resolver foi se facer ou non queixo con todo o leite que había na casa, polo que ás veces vendían cando se vían superados pola materia prima. Outras veces quedaban escasos e non podían cubrir todas as necesidades do mercado. Foi así como comezaron a idear unha sala de muxido, pero tanto económica como loxísticamente era unha inversión moi alta. Así foi como decidiron pasarse ás vacas de carne, coa intención de criar os becerros e comprar todo o leite.

Naquela época xa se restrinxiron as ganderías nas que se podía mercar o leite, preservando primeiro a zona de Vilalba e, xa logo, aumentando á comarca da Terra Chá. Aínda que aquel gando de carne permaneceu un tempo, finalmente decidiuse prescindir do mesmo e deixar soamente a queixería na casa.

Así se foi chegando ao ano 2014, no que Cristina e Iván (o seu compañeiro) tomaron o relevo do negocio, aínda que antes disto a parella xa se ocupaba de cubrir a presenza nas feiras. Aquel ano 2014 tivo unha data concreta na que o relevo se materializou de xeito tanxible, xa que ao pai de Cristina lle concederon unha xubilación por incapacidade física e a nai mostraba tamén dificultades físicas. En quince días mudaron todos os papeis, aínda que a presenza de Cristina fora continua no negocio dende o principio do mesmo.

 

Cris

 

Hoxe, na queixería Don Gabino prodúcese o queixo afumado San Simón da Costa, o cal ten unha curación mínima de 30 días para o formato pequeno e 45 para o grande. Ademais trabállase tamén o queixo variedade patelo e o queixo en barra.

 

Cris

 

Innovación e pandemia

A pandemia chegou á queixería e pillouna coa cámara chea de queixos, todos eles preparados para vender en feiras. Tras unha chamada do Sindicato Labrego Galego, decidiron poñer o produto dispoñible en Internet, e as vendas disparáronse. Despois de liquidar o stock que había dispoñible, idearon dende a empresa unhas rutas de reparto, as cales seguen mantendo na actualidade.

Cada cinco semanas, Cristina pídelle á súa clientela que encargue a cantidade de queixos que precisa, e viaxa na súa furgoneta para facer a ruta de Boiro a Santiago e a de Ferrol a San Sadurniño.

 

Conciliación e emprego

A conciliación de Cristina implicou a axuda das avoas e avós. Os horarios das escolas infantís non se lle adaptaban ás necesidades da queixería, xa que os horarios do leite son moi estritos. Achegarse a Vilalba, aparcar, recoller as crianzas e levalas para a casa facíaselle máis complexo que mantelas na casa. Ademais, a situación complicábase cando unha das crianzas pasou á Educación Infantil mentres que a outra continuaba en idade de acudir á escola infantil: os horarios de ambos servizos éranlle incompatibles.

Atopou tamén axuda nunha persoa (veciña) que estaba dispoñible para facer unhas horas soltas na queixería. Aquilo permitíalle a ela aliviar a carga de traballo á vez que lle axudaba a outra persoa cun aporte económico. Mantivo a aquela persoa ata que chegou a pandemia, momento no que tivo que parar, pero no presente xa retomou prestando axuda un día por semana.

 

Emprendemento e muller

As discriminacións por xénero existen tamén no sector do queixo. A empresa estivera sempre a nome do pai de Cristina, e era tamén el quen ía ás feiras e mostraba a cara visible. A nai de Cristina era menos coñecida, xa que nin saía tantas veces nin recibía facturas en seu nome. Cando Cristina se fixo cargo da queixería houbo persoas que se cuestionaron por qué ela se mantiña á cabeza no canto de ser o seu compañeiro quen ocupase ese posto. Aínda hai algúns clientes que se continúan comunicando con Iván para facer as encargas igual que para tratar os temas económicos.

 

Emprego e medio rural

Unha das eivas do rural que recoñece Román está relacionada co sector do emprego. Se ben na zona de San Simón son as queixerías as que están ofrecendo a maior parte das posibilidades de emprego, as ofertas son escasas. Cambia o conto cando se está disposto a desprazarse para traballar, xa que Vilalba ou localidades máis próximas á mariña presentan áreas con máis actividade.

Outra cuestión que é preciso mellorar está relacionada coa orientación laboral, a cal se continúa percibindo como escasa  como necesaria ao longo da vida, non só cando se inicia unha actividade. É preciso adecuar este servizo tamén ao sector primario, xa que recentemente se está rexistrando un aumento do interese por traballar neste eido. As diversas posibilidades de organización que se están mostrando no sector gandeiro fan que mellore a calidade de vida, polo que non se percibe a profesión coma negativa senón xa coma neutra ou positiva.

O relevo xeracional é unha pregunta que se pousa enriba de todos os tellados das pequenas queixerías da zona. Se ben Cristina considera que o haberá, ela defende que se lles permita a todas as persoas escoller en liberdade o futuro que se quere. Con esta aseveración, Román exemplifica o leve cambio que se está a producir nos discursos, pasando do discurso que expulsa ás persoas novas do medio rural para chegar a ese outro que tamén recoñece as vantaxes de facer vida no lugar.

Cristina pregúntase sobre a identidade rural máis agora que observa ás súas crianzas. Observa que as nenas e nenos son susceptibles de ir adquirindo estereotipos dende idades temperás, polo que cree necesario o diálogo por parte dos adultos, para explicar realidades diversas. Lembra cun sorriso o momento no que a súa filla lle transmitía, sentíndose excluída, que ela nunca podía ir ao parque de Vilalba.

É indispensable coidar o apego coa contorna, aínda que Román non sabe expresar por qué ela desenvolveu o sentimento de pertenza que ten coa zona. Podería ser unha das claves observar cómo transcorre o tempo no ambiente de crianza, así como tratar de que as crianzas formen parte da realidade do sistema familiar. Por outro lado o emprego pasa a ser unha variable necesaria para que as persoas decidan permanecer no espazo, xa que de non haber posibilidade de traballar as persoas deciden emigrar cara outras localizacións.