Usoa é unha explosión de sentires, de ideas e de forza. Artista e creadora, está a desenvolver un proxecto de vida en Ernes ligado ao sector da alimentación. Coa creación da Panadaría Lento conseguiu asentarse (xunto á súa familia) neste concello de Negueira de Muñiz, dende o cal reflexiona sobre as necesidades dunha sociedade que se atopa en constante transformación.
Usoa naceu en Bilbao e viviu en Eibar (Guipuzkua) ata os 18 anos. Filla de nai docente e de pai empresario no sector da mecanización, acudiu á ikastola (escola con ensino integral en éuscaro) e pasou todos os veráns e as fins de semana facendo montañismo xunto coa familia. Os avós paternos de Usoa naceran en baserris ou casarías e os maternos nun pequeno pobo de A Rioxa, polo que dende sempre tivo contacto con diversas realidades do medio rural.
Sempre tivo claro que Eibar non sería o lugar no que viviría, algo que se sumou na súa mocidade á necesidade de explorar outras contornas e de viaxar. De nena dicía que sería unha muller libre e independente en África, debido ao moito que lle gustan tamén os animais, pero a súa realidade profesional derivou por outro lado. Marchou a Bilbao para estudar Belas Artes no modelo de éuscaro e, mentres facía a formación, traballou no museo Guggenheim cunha beca relacionada coa educación na arte e tamén no departamento de montaxe. Cunha beca Séneca moveuse a Madrid para rematar a carreira, lugar onde comezou a ter becas de produción artística (participou, entre outros, en BilboArte). Rematada a carreira estudou un mestrado en Arte Contemporánea cuxas prácticas realizou no festival de fotografía PHotoESPAÑA, algo que compatibilizou con outro emprego en La Casa Encendida e tamén cunha formación en idiomas.
Rematado o mestrado participou nunha mediometraxe e tamén se enrolou nun proxecto artístico dentro dunha comunidade con altas taxas de despoboamento. Unha docente preguntoulle a ela e máis a un grupo de estudantes sobre qué pasaría se lles concedesen unha axuda económica para realizar un festival de arte nesa poboación. Daquela pregunta naceu un proxecto real de intervención social na serra da Alcarria (Guadalaxara) que lle permitiu experimentar sobre o impacto comunitario da súa disciplina.
No ano 2008 coñeceu ao seu compañeiro Roi Agulla xunto a quen comezou a vivir en Lavapiés. Aquel cambio implicou a creación da súa primeira horta (unha maceta na terraza do piso), a participación nun grupo de consumo e o pracer do tempo de ocio ligado ás bicicletas. No ano 2011, e cunha tese de doutoramento iniciada, soubo que estaba embarazada. Combinou aquela realidade con outra formación de mestrado e co doutoramento pero, despois do nacemento do seu fillo Oriol e de cambios na realidade laboral do seu compañeiro e na súa propia, comezou a cuestionarse o seu futuro.
De aquel momento vital, altamente influenciado polos recortes educativos propiciados pola crise económica do 2008, deriváronse moitas das realidades do presente de Usoa. Xunto coa súa parella comezou a facer doces para unha panadaría de Lavapiés encadrada dentro dun proxecto de economía social. Iniciáronse, tamén, na feitura do pan caseiro e pouco a pouco comezou a aumentar a necesidade de achegarse á familia, tanto para conciliar coma para coidar o vínculo. A idea de negocio dunha cafetaría ciclista estaba fortemente instalada no futuro da parella, co que barallaron lugares para emprender. Madrid e Donosti quedaban automáticamente excluídas polo custoso dos alugueres, mentres que A Coruña (localidade próxima á residencia dos pais de Roi) lles permitiu establecer unha estratexia de negocio. Xa residindo en Montealto e cun local atopado na zona vella da cidade volvéronse cuestionar se aquel modelo (urbano) era o que realmente buscaban. E, debido a aquela dúbida, comezaron a encher as maletas para mudarse ao medio rural.
No ano 2014 realizábase o encontro “O rural quere xente” en Negueira de Muñiz ao cal acudiu Roi, xa que se atopaban na busca dunha comunidade rural que fose posible habitar tanto por posibilidade de acceso á vivenda coma por presenza de máis persoas. O feito de moverse cunha crianza implicaba a busca de máis nenas e nenos, algo que atoparon en Ernes, onde había 5 cativas e cativos. O primeiro día que se achegaron ao pobo, Usoa vía altamente complexo facer vida no lugar, xa que moitas das casas estaban deshabitadas e os servizos básicos non se conseguían. Aos poucos comezou a mirar a realidade dende a perspectiva das posibilidades e comezaron a indagar sobre a posibilidade de mercar unha vivenda, algo que noutros lugares era prácticamente imposible. Firmaron un aluguer con opción a compra en dous anos e comezaron a habitar unha vivenda á que non chegaba nin a auga quente nin a electricidade.
Naquela situación naceu a súa filla pequena. O seu entusiasmo e a súa gana de facer en Negueira un proxecto de vida empurrounos a superar aquela situación e conseguir unha vivenda habitable, aínda que continúan en proceso de rehabilitación e acondicionamento. Ao feito de adaptarse á vivenda engadíuselle a necesidade de comprender a realidade da comarca, dos servizos existentes e das faltas percibidas. O devir do tempo foi involucrando á familia en diversos proxectos, como o dunha escola comunitaria ou o da elaboración de pan de xeito colectivo.
No ano 2016 Usoa e Roi iniciaron un proxecto económico e de vida. O nome Panadaría Lento acolle unha panadaría e pastelaría que na que se elaboran e venden produtos tanto de panadaría coma de repostería ecolóxicas. Dende o principio tivo boa acollida a iniciativa, algo que a parella observaba a través da participación nun mercado en Ribadeo, máis non foi ata que remataron as obras na súa vivenda cando puideron ampliar o obradoiro. Usoa fai énfase na importancia dunha formación básica para o emprendemento, a cal permita tanto innovar no sector coma poder enfrontarse a procesos administrativos de carácter básico.
Nos anos 50, a construción do encoro de Salime dividiu en dous o municipio de Negueira de Muñiz. Debido á ausencia de pontes, aqueles que se situaban na parte que quedaría illada optaron por emigrar, deixando moitos lugares deshabitados. A maior parte da xente moveuse á Terra Chá, o que fixo que as aldeas de Foxo, Vilar, Vilauxín, Cancio ou Ernes quedaran prácticamente baleiras. Entre os anos 60 e 70 chegaron a esta zona persoas que proviñan doutros lugares de España e de Europa e asentáronse nunha comunidade que foi cambiando co paso do tempo.
Hoxe, nos diversos pobos que integran o concello de Negueira de Muñiz, atópanse maneiras diversas de habitar e de vivir. As dificultades de acceso (derivadas do estado das estradas principais) e relacionadas coa luz eléctrica fóronse atallando, ata chegar a unha situación que permite a habitabilidade do lugar.
Usoa lembra a importancia da actitude coa que se chega a un lugar, o cal será determinante para introducirse nun espazo. A súa estratexia de asentamento pasou pola compra de vivenda, feito que sentou un precedente en canto á súa relación coa veciñanza.
A arte é unha posibilidade de cambio, de liberación e de coñecemento de novas experiencias. A miúdo a realidade dos creadores que se sitúan nos contextos urbanos é diferente da de aqueles outros que se atopan no medio rural. Como se afirma no estudo A cultura como factor de innovación socio-económico no medio rural (Abeledo, Coll e Rausell; 2015) a creatividade e a innovación teñen un factor protagonista nos procesos de crecemento e de desenvolvemento económico. Concretamente, a creatividade cultural afecta a outros espazos de produción cognitiva, influenciando así a innovación científica, tecnolóxica, económica e social. A natureza das actividades artísticas realizadas dentro do medio rural veránse influenciadas por tres factores: a interacción entre o patrimonio cultural e o natural, a identidade e a memoria colectiva e as prácticas de arte contemporáneo.
Sinala, Usoa Areitio, a importancia de contar coas novas tecnoloxías dentro do proceso artístico e cultural, a fin de poder acoller a máis persoas e de xerar unha maior visibilidade para a contorna. No artigo mencionado anteriormente considéranse que as TIC (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) están a revolucionar o modelo de produción e de consumo. É preciso mellorar as achegas económicas procedentes das administracións para protexer ás e ós pequenos creadores que están a impulsar actividades nas pequenas comunidades. Usoa pon tamén un foco nas escolas unitarias que hoxe en día se atopan pechadas para propoñer un modelo de inclusión de persoas expertas no rural da provincia. Non só se refire ás residencias artísticas, senón a estadías para todas as disciplinas profesionais que poidan facer achegas dentro da comunidade. Relacionado con esta idea atópase o proxecto Laboratorio de Innovación Social & Economía Creativa, Rubik (apoiado polo Concello de Lugo). A idea, que pretende ser unha incubadora de iniciativas para a transformación da sociedade, da economía e do territorio, apoia a residencia de profesionais para dar resposta a 14 retos diversos.
O medio rural é, no imaxinario de Usoa, un contacto completo coa natureza. Aínda que recoñece que podería vivir en moitos lugares do mundo, habitar unha cidade custaríalle moito por ter que renunciar ao sistema paisaxístico que envolve a súa casa de Ernes.
Cree que é, tamén, sinónimo dun sector primario que sexa capaz de atender ás necesidades alimentarias da sociedade. Para isto será preciso que a ciencia e a tecnoloxía se acheguen aos pequenos produtores a fin de establecer sinerxías e procesos de asesoramento. Pese a que o saber tradicional é preciso e se debe ter en conta, é tamén necesario acoller a opinión experta para poder mellorar os procesos. Sexa como fora cada vez son máis precisos os grupos de discusión entre os diversos axentes sociais; as posicións horizontais fanse imprescindibles para poder comprender as necesidades do rural e das persoas que o habitan. Como se comentou en anteriores memorias, será imprescindible lexislar dende a poboación e para a mesma.