Quen é Verónica Núñez?

Verónica é Xeógrafa e entusiasta do lugar que habita (Espandariz, no concello de Quiroga). Artesá das conservas feitas con froitos silvestres, opera dende un lugar privilexiado tanto pola paisaxe coma polos recursos naturais e culturais que ofrece. Defensora do rural galego, deixou unha carreira ligada ao turismo e afincouse na aldea para poder poñer a funcionar un proxecto de vida que, no ano 2004, chegou para abrirlles camiño a moitas outras iniciativas.

 

VE

 

Estudos de capacitación profesional e primeiros pasos profesionais

Tras rematar o Bacharelato en Quiroga, Verónica mudouse a Santiago de Compostela para estudar Xeografía, carreira que lle permitiu mirar o mundo cunha visión ampla e diversa. O salto de Quiroga a Santiago foi dura para esta moza nada nos oitenta, que nunca tivera un ordenador diante ata que comezou os estudos universitarios. Nunca se sentiu inferior por provir do medio rural, pero sí observou algunhas carencias (por exemplo en canto ao nivel de inglés) que hoxe en día, na crianza do seu fillo, xa non atopa. Rematados os seus estudos universitarios, non viu maneira de regresar nun futuro curto a Quiroga e poder exercer, polo que aceptou un traballo en Alfoz. Pese a que estaba encantada no lugar, a idea de querer vivir en Quiroga e formar alí a súa propia familia estaba moi presente, polo que regresou coa determinación de crear alí o seu propio fogar. Espandariz apareceu como unha alternativa de asentamento nun lugar no que nin Verónica nin o seu compañeiro tiñan raíces.

 

Regreso ao rural e nova etapa laboral: Caurelor

Con vinte e catro anos xustos (2004), Verónica, xunto seu compañeiro (Daniel), tomou a decisión de iniciar un proxecto de vida no rural. Compraron a súa casa, que daquela non era máis ca unha bodega abandonada dezaseis anos atrás, e comezaron o proceso de rehabilitación. Ela lembra que mercaron esa propiedade porque non había máis solo construíble nas proximidades e porque contiña tamén unha pequena nave. Debido a que Verónica fixera un mestrado en Enoloxía, a idea primeira de negocio era retomar as viñas propias da casa e entrar no sector, pero cando chegaron a Medio Rural desaconselláronllelo totalmente debido ao enorme peche que estaban a sufrir as adegas naquela época. Naquel momento Daniel propuxo xestionar os castiñeiros da súa familia, e así foi como naceu Caurelor. Naquel primeiro ano comezaron coa crema de castañas e coas castañas en conserva, o cal facía o seu negocio totalmente dependente das estacións. Buscando novas vías para o negocio repararon nos froitos silvestres e noutras froitas (moras, arandos, cereixas, melocotón, marmelo, ameixas e outros) e así chegaron á variedade de produtos que ofrecen hoxe en día: marmeladas variadas, castañas en conserva e ao baleiro e mel.

 

VE

 

No noso presente, a avespa do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus) está a ser un reto para esta actividade económica. Os doce mil quilogramos de castañas que recollían ata o de agora transformáronse, no ano 2020, en douscentos. Isto obrígalle a Caurelor a diversificar: un dos seus produtos estrela (crema de castaña) será adiantado polo compañeiro máis demandado (a marmelada de arandos). Comezarán, na próxima primavera, coa plantación de novos froitos silvestres e tamén coa ampliación de colmeas de abellas.

Hoxe en día, Caurelor mantense en cese de actividade debido á Covid-19. Este verán foron a algunha feira, pero soamente de xeito figurativo. Isto é especialmente relevante para este negocio, xa que foi ideado para facer o groso das súas vendas neste tipo de intercambios comerciais. Nos inicios de Caurelor apostouse pola feira como maneira de protexer a relación co cliente, de achegar a marca ao consumidor falándolle a este non só do produto, senón tamén do proceso de elaboración e incluso do territorio. A asistencia a estes encontros non é indiscriminada, xa que despois de anos no sector, Verónica coñece perfectamente aqueles encontros nos que se venderá máis ou menos.

Cando se fala de Caurelor non se pode esquecer que se trata dun alimento selecto, o que implica un prezo máis elevado do habitual e tamén unha diferenciación nas maneiras de produción. Este tipo de mercado, que se iniciou fai relativamente pouco tempo, está agora a asentarse como un importante nicho laboral. Lembra a xerente de Caurelor que, cando iniciaron o seu percorrido, dende Sanidade non se sabía qué esixir a un negocio coma aquel; Caurelor foi, por tanto, un dos pioneiros galegos no sector. Naquel principio houbo xente que dubidou da viabilidade de “vivir das marmeladas” e outra que o viu tan claro como o vían os propietarios. Verónica tivo sempre claro que resultado era non só defendible, senón de alta calidade, xa que seguía unhas maneiras de facer tradicionais. A súa estratexia foi comezar a través da proba, e o resultado que obtiveron, na primeira feira á que foron (Feira do Queixo de Pedrafita do Cebreiro), foi que ás doce do mediodía venderan todo o stock. A clave, considera, foi comezar por un lugar no que os coñecían. Ese apego e cariño á persoa trasládase ao produto, o que implica que o consumidor tende a comprar artesanía de proximidade. Despois de aquel primeiro contacto foise establecendo unha media entre feiras frouxas e outras de venda tan alta coma a comentada. É fundamental, comenta Verónica, a resiliencia e o espírito de superación para continuar no negocio. As dúbidas non desaparecen co tempo, igual que en calquera outra actividade laboral, pero vanse transformando e tamén resolvendo en base á experiencia.

 

VE

 

Educación e medio rural

Verónica considera que ten “a sorte” de ser de Quiroga, motivo polo que ten preto un servizo educativo que abrangue ata os dezaoito anos. Recoñece que isto facilita enormemente conciliación, igual o feito de contar con actividades fóra do horario lectivo, que permiten que as familias poidan compatibilizar mellor a xornada laboral coa xornada escolar. Se ben é certo, o caso de Caurelor podería entenderse como un tanto atípico, xa que permite realizar o traballo dende o fogar, o cal (recoñece a xerente) é unha estratexia que lles permite conciliar moito mellor.

Outra das vantaxes de educar nunha comunidade rural ten que ver coa maior posibilidade de medrar en galego, aínda que Verónica é crítica neste eido. Nunha das últimas reunións da escola comentouse a tendencia á baixa no emprego do idioma, fundamentalmente entre aquelas persoas que se crían en núcleos máis grandes (como pode ser Quiroga) en contraposición a pobos máis pequenos.

 

Emprendemento e medio rural

Verónica recomendaríalle a todo o mundo comezar unha actividade no medio rural pero, especialmente, ás mulleres. Cada vez son máis as iniciativas que están impulsadas por “elas”, movemento que é resultado do cambio social que está a empuxar á muller a formar parte de todas as esferas sociais (por suposto, tamén da laboral).

Emprender tamén foi complexo dende Espandariz. Nos inicios do negocio (cando o Internet aínda non chegara a cada fogar) eran constantes as viaxes a Lugo (a unha hora de distancia), para poder arranxar toda a documentación necesaria. Aínda que soamente se contaba con conexión coa web na Casa da Cultura en Quiroga, Caurelor contou con páxina web dende o 2010, co esforzo que aquilo implicaba. Debido a que pode comparar, Verónica non dubida en afirmar que, emprender hoxe en día, é moito máis sinxelo. A diversidade de actividades que están agora en funcionamento ou o acceso a Internet facilitan moito o feito de idear e de conectar un proxecto. Non obstante é preciso seguirse formando para poder usar todos estes recursos.

Lembra que unha parte esencial do autoemprego (dende esta óptica) require valorar os nosos recursos como provincia e como comunidade. A autoestima rural está comezando a cambiar debido tamén a estas iniciativas que se están a visibilizar e que sosteñen o discurso de permanecer nunha comunidade rural fronte a mudarse a unha de tipoloxía urbana. Foi nas feiras onde a Verónica lle preguntaron, algunha que outra vez, que por qué rexeitara desenvolverse profesionalmente e volver a un pequeno pobo. Non obstante, matiza ela, este estigma ten que ver moito coas actividades que se fan aínda dentro do propio rural. A gandaría ou a agricultura son iniciativas que aínda non conseguen subirse ao podio das ocupacións mellor valoradas socialmente, para o cal é clave a “defensa cos feitos”. Reivindicar a diversidade (física incluso) nos diversos oficios é preciso para que as persoas deixen de asociar unha determinada imaxe a certas ocupacións.

Por outra banda, é necesario o compromiso das administracións na defensa do produto de calidade que se elabora en toda Galicia. Verónica lembra que Caurelor se sumou ao selo CRAEGA dende o principio, a pesar de que os consumidores aínda descoñecían a protección o a significación que tiña estar baixo aquel paraugas. O selo acabou por fomentar tamén a incorporación de grandes empresas (como pode ser Carrefour), motivo polo que Caurelor deixou de formar parte. Con este exemplo resume a importancia de que existan redes que apoien de xeito específico e positivo aos pequenos produtores; neste caso a equidade pasará por comprender que, as necesidades de protección que ten unha empresa micro distan moito das dunha macro.

 

VE

 

Cultura e medio rural

Fademur Galicia aparece no discurso de Verónica cando ela fala da importancia da formación dende o medio rural. Estar dentro dunha asociación de mulleres (sexa esta ou outra que preste servizos semellantes) é de gran axuda debido ao asesoramento que prestan. Así mesmo pertencer a unha rede permite entrar en contacto con outras iniciativas coas que poder non só intercambiar experiencias senón tamén sinerxías laborais. No 2010 produciuse un estalido de iniciativas nos territorios que, aínda que non tivesen a cultura como meta prioritaria nas súas actuacións, sí a fomentaban en segundo plano. O feito de contar con diversos negocios dentro dun mesmo concello permite que, a persoa que se achega coñecer o lugar, poida facelo dun xeito moito máis rico. Concretamente en Quiroga, coa recuperación das almazaras, recuperouse moita cultura ligada a este produto (a almazara Ouro de Quiroga é un exemplo disto). 

 

Paisaxe e medio rural

Xeógrafa de profesión e de vocación, Verónica agradécelle ao Xeoparque Montañas do Courel as actuacións que se están a facer por preservar a identidade da zona, e por iso ela considera que sería positivo que se consiga o Parque Natural Ancares-Courel. Con estas figuras protéxense formas de vida que, aínda que hoxe en día están presentes na tradición, están tamén en risco de desaparición de non telas presentes. Así mesmo, lembra, unha figura como é o Parque Natural aporta traballo na contorna, algo que axuda a fixar poboación. Aínda que estas afirmacións non están en contra do sector da lousa, sí apoian a diversificación de actividades a medio e curto prazo.

É necesario o coidado e a xestión da superficie forestal da man de todas as persoas que habitan o territorio, xa que distincións como o Xeoparque non son capaces, por sí soas, de levar a cabo plans de aproveitamento. Para isto é preciso que, dende as administracións, se lle outorgue importancia ao medio rural e se lexisle tendo en conta o mesmo. 

 

Despoboamento e medio rural

Actualmente, en Quiroga viven 3.169 persoas, mil menos que fai vinte anos. A pesar disto, o concello está a recibir unha importante entrada de poboación estranxeira que tende a quedarse na vila grande. Non obstante na xeración actual, valora Verónica, hai unha mirada máis positiva cara o medio rural. Ela viviu aínda un momento no que se lle cuestionaba á xente que apostaba por habitar ou traballar no medio rural, mentres que agora percibe un maior interese polo lugar e tamén unha maior outorga de valor. Son numerosas as persoas novas que se achegan a ela nas feiras buscando ideas para sacar adiante proxectos propios que, na maior parte das situacións, están ligados ás aldeas.

Nun mundo en crise climática e enerxética, o medio rural pasa a ser a clave. Verónica non defende a volta ao pasado ou a renuncia ao modelo actual de vida, pero sí ve viable a xestión do terreo a nivel micro.

 

Identidade rural

Nunha entrevista concedida a Creando tu provincia, Verónica afirmou que soamente aproveitamos o 1% do potencial do medio rural, a pesar do gran potencial que ten. Detrás deste negocio hai, alén de calidade e produtos, unha filosofía de vida e de comprensión do lugar. O apoio á tradición pero tamén á diversificación e á innovación son, con suma probabilidade, un dos factores que contribúen ao éxito máis de quince anos despois de que a iniciativa botase a camiñar.