Quen é Miriam Fernández?

Miriam Fernández é vilalbesa e é unha das poucas mulleres da provincia de Lugo que se dedican profesionalmente a traballar no tear. Como historiadora que é, mira a súa realidade tendo en conta o pasado pero sabendo que dá pasos para avanzar cara o porvir.

 

RL

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Ó nacemento de Miriam (1990) os seus pais xa se atopaban construíndo a casa que ían habitar na parroquia materna. Ela foi á escola a Vilalba e alí estudou a ESO e tamén o Bacharelato. Sempre tivo un especial interese pola historia e polo patrimonio pero, debido a non ter chegado a tempo aos prazos académicos, matriculouse nunha Formación Profesional en Hostalaría. Aínda que descubriu que aquel non era o seu sector fixo moitas aprendizaxes transversais que lle habían de ser de utilidade para outros contextos.

Finalmente cursou Historia da Arte en Comportela e, durante aquela tempada, regresaba á casa todas as fins de semana. Ao remate dos seus estudos volveu á casa familiar, e mentres certificouse en inglés e cursou (no campus de Lugo) un mestrado en Servizos Culturais, na especialidade de Xestión Cutural.

 

Retorno ao rural e emprendemento: Fusaiola

Foi a nai de Miriam quen comezou coa idea de abrir un pequeno obradoiro relacionado co tear dentro do fogar. Aínda que ela aprendera a tecer coas mulleres máis maiores da parroquia, non tiña case idea de cómo xestionar unha actividade deste tipo. Pola súa banda, Miriam atopábase a maior parte do tempo en Santiago, polo que tampouco podía aportar esforzos a tempo completo.

Por este motivo, a nai de Miriam decidiu facer primeiro unha etapa de formación asistinto a diferentes cursos do CENTRAD (Centro de Artesanía e Deseño de Lugo). Tamén se dedicou a aprender en profundidade sobre diferentes técnicas que empregaba a xente da parroquia.

Rematado o mestrado, pero xa dende antes a pequenos ratos de tempo, Miriam foi aprendendo o oficio a través das mans da súa nai. Para esta rapaza vilalbesa traballar no tear nunca entrou en conflito coa súa formación profesional, xa que nesta actividade a historia cobra un peso esencial. Pouco a pouco fóronse atopando con que á xente valoraba as súas creacións e as encargas comezaron a aumentar, o que tamén animou a Miriam a dedicarlle máis tempo á actividade. Sacou a carta de artesá e conseguiron para o obradoiro a marca Artesanía de Galicia, a cal lles brinda un paraugas de apoio e recoñecemento.

 

RL

 

Aínda que este proxecto se desenvolve de xeito privado está moi ligado ao asociacionismo, tanto no relativo ao eido formativo coma ao divulgativo. Cando se comezou a crear o taller, Fusaiola asentouse nas redes sociais e comezou a saír ás feiras de artesanía, feitos indispensables nesta tipoloxía de negocio.

Hoxe en día Miriam habita a casa materna e o seu traballo principal está relacionado co taller. Non obstante combina todo isto co seu traballo como historiadora: publica en revistas de investigaciónparticipa na creación de informes históricos  e colabora con entidades diversas. Conta cunha obra publicada (apoiada polo Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba, IESCHA, e pola Deputación de Lugo)  chamada As mulleres de insua e o liño: dez anos dun proxecto de recuperación etnográfica.

Recoñece que diversificar a actividade lle permite intercalar aquelas épocas nas que as demandas artesás son máis baixas con aquelas outras nas que presenta máis traballo no eido da historia.

 

Asociacionismo e medio rural

No concello de Insua (Vilalba) creouse a Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, co obxectivo de darlles resposta ás necesidades que as mulleres presentaban en canto a orientación, formación, ocio e cultura. Ao abeiro desta asociación, no ano 2008 comezouse coa recuperación do téxtil, proceso que Miriam viviu dende o principio, xa que súa nai foi unha das fundadoras. Dende os primeiros momentos comezaron con actividades vinculadas ao liño, para o cal foi preciso realizar unha labor de investigación. As mulleres máis maiores xogaron un papel crucial para a recuperación do saber facer.

 

RL

 

Xa dende fai 13 anos traballan coa perspectiva de continuar aprendendo en comunidade pero, tamén, de achegar a diferentes puntos da xeografía galega o seu coñecemento. A través da Festa da Tasca recordan o día no que mulleres e homes se xuntaban, xa despois de recollido o liño, para poder preparalo para tecer. Naquel momento facíase a tasca, que consistía en mazalo e preparalo para fiar. Este evento realízase en colaboración son outras asociacións de mulleres (As Fiandeiras de Cabanas, As Lavandeiras de Sillobre ou As Fiandeiras de Lugo).

Á marxe das actividades máis esporádicas, a asociación reúnese dúas veces por semana, co obxectivo de fiar máis ca febras téxtiles. Miriam ve nesta iniciativa a oportunidade para recoñecer de novo á súa veciñanza, xa que son acollidas tanto persoas maiores coma persoas novas. Así mesmo conséguese poñer en valor un traballo feminino e non visible, á vez que se alimentan redes de apoio entre as mulleres da contorna.

 

Despoboamento e medio rural

Miriam, que ten unha parella vivindo en Salamanca, estableceu tamén nesta comunidade un pequeno tear para poder realizar proxectos no tempo que pasa alí, pero recoñece que facer cousas no lugar do que un se sente fai que o resultado sexa diferente.

Filla daquelas persoas que foron mozas nos anos 80, é froito dunha xeración que tivo unha influencia social significativa debido ao incremento da natalidade que se produciu na época. Aqueles mozos e mozas que proviñan de persoas que continuaban vivindo no medio rural forman parte da denominada “xeración soporte”, que comprende os nados entre o 1958 e o 1977. Foi precisamente esta xeración a que tamén se viu aumentada pola chegada de novos residentes con idades concentradas na mocidade.

Hai unha serie de dinámicas que é necesario romper para contribuír ao asentamento da poboación. Unha delas ten que ver coa soidade que experimentan as persoas que habitan o medio rural, sendo preciso intervir sobre a mesma para mellorar a calidade de vida. Así mesmo é necesario contar con servizos e infraestructuras, de tal maneira que as persoas (e particularmente as mulleres) non se vexan condicionadas a ocuparse dos coidados.

Doutra banda, lembra Miriam, existen aínda determinados estereotipos vinculados á pertenza ás comunidades rurais que é preciso traballar tamén dende as escolas, tanto con crianzas do rural coma das áreas urbanas.

 

Muller e rural

Unha das dinámicas que definen as migracións que se están a producir no medio rural é a denominada "fuxida ilustrada”. Este termo emprégase para referise aos movementos protagonizados polas mulleres novas que teñen formación superior e que aspiran a desenvolverse persoal e profesionalmente en áreas onde poden optar a unha mellora nas condicións de vida. A consecuencia directa deste fenómeno é o impacto directo na demografía, provocando un envellecemento e unha masculinización.

Sen embargo, o cambio que se está a producir na comprensión dos roles masculinos e femininos está a permitir que cada vez colla máis diversidade tamén nas comunidades rurais. O traballo remunerado é unha peza clave na construción da equidade entre as mulleres e os homes, subliñándose cada vez máis a importancia da independencia económica para que as mulleres se sintan protagonistas e propietarias da súa realidade. O fomento emprendemento é tamén unha estratexia crucial para apoiar ás mulleres no proceso de toma de decisión, así como para favorecer a participación social.

 

Cultura e rural

As actividades que se levan a cabo dende a asociación están dirixidas por mulleres, o que fai que Miriam considere que hai unha segregación por xénero en canto á participación. Valórase a participación masculina como baixa en xeral dentro da esfera cultural; os homes permanecen máis naquelas asociacións ligadas ao monte e incluso ás festas patronais.

Como se ten estudado en diversas ocasións, as mulleres do medio rural dedícanlle unha media de 13 horas semanais á vida social. Participar destas iniciativas é especialmente relevante xa que as mulleres saen da esfera privada e reivindican o dereito a ocupar un espazo público que lles pertence a todas as persoas.

 

RL

 

A participación na asociación de referencia para Miriam está directamente relacionada coa existencia ou non de persoas dependentes e, tamén, co nivel de ocupación laboral. Por idades, podería establecerse que as mulleres que menos tempo lle dedican ás actividades deste tipo son as que teñen entre 55 e 65 anos, xa que adoitan ter tanto un emprego coma persoas dependentes ao seu cargo.

Por outra banda, no rural tamén se atopan mulleres novas que consideran prioritaria a participación na vida social, e reservan parte do seu tempo para estes momentos. Coa chegada da xubilación aumenta tamén o tempo dedicado nesta esfera.

Miriam está especialmente ligada á dinamización do patrimonio cultural, e lembra que a cultura e a tradición poden revelarse coma un recurso relacionado co emprego nas áreas rurais. Por este motivo é precisa a preservación da arquitectura tradicional e a creación e xestión de museos e centros de interpretación, ou a reconstrución e apertura de lugares emblemáticos.

 

Identidade rural

Para Miriam o medio rural é un pequeno paraíso que aporta moito máis do que recibe. Despois da experiencia de habitar unha cidade, valora moito a oportunidade diaria que ten de aprender na contorna na que se desenvolve, así como de coidar nela os vínculos que lle veñen dende a nenez.