Sería metafórico e incluso poético dicir que Laura Vallejo é un motor. Traballadora do sector forestal, agroinfluencer e habitante de Meira, con 27 anos Vallejo defende o necesario cambio nos discursos. O rural do presente debe acoller e divulgar a diversidade para poder facer unha verdadeira transformación social e, nisto, cadaquen ten un importante papel individual.
Laura Vallejo naceu no 1994 nun pobo de Meira (Cabana). Na súa casa sempre houbo explotación de vacas de leite, a cal se mantén aínda na actualidade. Con 16 anos decidiu marchar a Lugo para realizar unha Formación Profesional en Cociña e Gastronomía, decisión que tomou debido a que sempre tivera contacto coa cociña a nivel doméstico e a gusto que ela mantiña por esa actividade. Rematada a titulación estivo a traballar durante catro anos en celebracións grandes, tempada que lembra con emocións encontradas. A dureza do emprego (horas de traballo e condicións laborais) condiciona moito a opinión que ela ten do sector; houbo días de realizar dezaseis horas continuas, o que a levou a un importante desgaste.
O emprendemento hostaleiro nunca foi contemplado por esta moza meirense, quen non acababa de ver a maneira de asegurar unhas condicións dignas para as persoas que traballasen ao seu carón. Durante unha tempada experimentou tamén o traballo en residencias da terceira idade ou en comedores escolares, o cal implicaba moito movemento dentro da Provincia de Lugo e a aceptación de contratos de curta duración.
O actual compañeiro de Laura traballou dende sempre no sector forestal, continuando a actividade laboral do seu pai. Nese momento ela comezou a ter contacto co sector laboral, pero máis (primeiramente) dende o rol de espectadora. Posteriormente quixo achegarse como traballadora ao mundo forestal, pero decidiu facelo noutra empresa diferente onde aprendeu a manexar unha procesadora. Posteriormente aumentou a súa formación a través de outros cursos e coñeceu a outro compañeiro de profesión que, un día, lle ofreceu probar a usar unha procesadora sobre o terreo. Esta persoa apostou por Vallejo e, a día de hoxe, forma equipo con Laura e co seu compañeiro. Unha das demandas actuais do equipo era o traballo con motoserra, técnica na que ela non dubidou en especializarse.
O equipo traballa, principalmente, para empresas que lles contratan a corta das árbores no monte. A maior parte da madeira galega expórtase, sendo lugares preferentes o Brasil, China ou Portugal.
Ademais do vínculo que ten laboralmente co forestal, Laura segue a colaborar na explotación familiar (fins de semanas e festivos), maioritariamente nas campañas de recollida da herba e forraxes. Pensando no futuro, analiza o sector gandeiro coma unha actividade que (feita a nivel individual) precisa dunha ocupación moito maior que a que ela ten no monte. O seu pobo é pequeno e a veciñanza que hai non está interesada en establecer unha cooperativa, polo que hoxe en día non se propón continuar con esta actividade.
Qué queres ser de maior? É unha das preguntas que máis escoitan (e, ás veces, responden) as crianzas. Os estereotipos condicionan as respostas, de tal maneira que non é esperable que unha rapaza responda que quere traballar no monte cortando madeira. Hai un problema de base en canto á educación (tanto formal coma informal) sobre os traballos forestais. Vallejo compara a realidade galega con outros países de Europa, maioritariamente aqueles da zona norte, onde as crianzas fan unha excursión ao monte con cinco anos para coñecer as máquinas forestais. A cultura de aceptación e posta el valor do rural é necesaria dende os primeiros anos de vida, así como o é non ligar un sector laboral a un xénero.
Hai (na nosa realidade) unha gran falta de modelos no sector primario, aínda que se está a producir unha (como Laura denomina) pequena revolución, que fai que a xente se cuestione todo un sistema. Cando ela realizou a formación en manexo de maquinaria entrou nunha bolsa de emprego que incentivaba a contratación entre as empresas de Lugo; o seu nome figurou na listaxe pero nunca ninguén a contactou, pese a que tiña máis formación ca compañeiros que sí contaron con oportunidades para a inserción.
Cando Laura comezou a especializarse na motoserra foi porque un dos seus compañeiros tiña unha importante demanda neste eido. O traballo no monte require unha importante condición física, así coma asumir que se operará en condicións climatolóxicas duras.
Un dos problemas maiores existentes dentro do sector está relacionado con que o beneficio económico é bastante escaso como para poder ofrecer unha suba nos salarios. As inversións que se precisan no sector ascenden a varias cifras, e case se teñen que facer de xeito periódico, xa que os avances prodúcense con moita rapidez. En España o traballo do sector forestal vale 4 veces menos ca en Suecia ou Finlandia, pero a maquinaria custa o mesmo ca nestes países, o que complica o asentamento de persoal dende as pequenas e medianas empresas.
A demanda da madeira como materia prima é importante, xa que se está comezando a apostar por este material como alternativa ao plástico. Vallejo sostén que é importante a preservación da biodiversidade, coidando as masas de árbores de carácter autóctono. Entrando a valorar a proliferación das plantacións de eucalipto na nosa comunidade, considera que se fan poucos esforzos para que a sociedade vexa alternativas a este tipo de cultivos. É preciso asesorar e investigar sobre as especies autóctonas, así como tamén regular a xestión da propiedade, para o cal sería preciso realizar unha ordenación forestal a nivel galego.
As elevadas taxas migratorias que se veñen arrastrando dende a segunda metade do século XX afectan, de xeito específico, ás mulleres. No concello de Meira, segundo o padrón municipal, no ano 2020 estaban censadas 865 mulleres, fronte ás 932 que había no 1996. A poboación masculina era maior no ano 2020 (883) a pesar de que no 1996 era menor (905).
Obviando a relación existente entre as cifras presentadas e as actuais taxas de natalidade, a realidade é que o éxodo rural é maior entre a poboación feminina. Isto, que foi explicado por Sorokin e Zimmerman xa no 1929, débese a tres factores: (1) a división social do traballo, ou a concentración nas cidades de empregos que demandan maior man de obra feminina; (2) o sistema de herdanza da propiedade agraria, que favorece aos homes e acentúa a perda do vínculo feminino; (3) e a falta de alternativas de integración laboral e social da muller. Pese a que a realidade está cambiando, no presente seguimos a sufrir as consecuencias dun sistema que empurrou ás mulleres a trasladarse a unha vida urbana. Como expresa Vallejo, a necesidade de contar cun sector servizos forte faise especialmente relevante cando se analizan as taxas de poboación feminina. Nun estamento patriarcal, no que os coidados aínda recaen de xeito importante na muller, é esencial contar con redes de apoio para a atención a persoas dependentes no medio rural.
As primeiras publicacións do Instagram de Laura Vallejo son as esperables en calquera persoa de 26 anos, máis, a medida que se avanza no perfil, a maquinaria vai ocupando unha posición máis importante. Se ela tivese que definir, fai anos, o termo influencer, falaría dalgunha modelo que ten miles de seguidores. Non obstante, recoñece que a súa capacidade de influencia na rede tivo un punto de inflexión que correspondeu co momento no que Husqvarna decidiu contar con ela para facer publicidade. Daquela, cando aínda non sabía se seguiría para adiante, foi un golpe de enerxía ver que unha empresa dese calibre se interesaba por unha muller con 2.000 seguidores.
A ausencia de mulleres nesta realidade “beneficiou” a Laura á hora de destacar entre os colaboradores da empresa, habitualmente homes. Pese a que hai moitas persoas que se dedican ao sector forestal e por elo seguen a @lauritavallejo, hai moitas outras persoas que o fan porque demandan ver a realidade que acompaña á diversidade humana. En canto á idade das persoas que interaccionan co perfil non se atopa un patrón concreto, habendo xente dende 15 anos ata 60.
O obxectivo das publicacións desta conta é dobre. Por un lado perséguese demostrar que as mulleres realizan traballos iguais aos que fan os homes, tanto no campo coma no monte. Doutra banda recálcase o traballo que, durante moitos anos, realizaron os compañeiros do sector forestal. Do que está cheo o perfil de Laura Vallejo é de autoestima tanto por un sector coma por un xeito de vida.
O medio rural é moitas cousas menos traballo, explica entre risos Laura. Se ben é duro (refírese ao seu sector), ofrece moita liberdade, e sobre todo unha vez que se toma a decisión de traballar por conta propia dentro do mesmo. Todas as ocupacións teñen puntos positivos e negativos, e esta ten unha serie de diferenzas abismais se se compara cunha oficina. Sen embargo, non por isto considera que teña peores condicións laborais, senón que acepta o que implica realizar aquel traballo que lle gusta.
O segredo desta identidade, coidada e positiva, non é máis ca permitirse o luxo de facer aquilo que apaixoa, desprendéndose dos estereotipos.