Silvia é a cara que habita o rural dende a felicidade, a consciencia e o gusto de formar parte das redes de veciñanza. Esta xornalista afincada na Ulloa leva a comunicación institucional de varios concellos rurais, pero é tamén (como cita nas súas redes persoais) embaixadora do rural.
Silvia naceu no ano 1983 en Palas de Rei, e alí pasou tanto a súa infancia coma a etapa de instituto. Para cursar tanto a ESO coma o Bacharelato pasou ao IES do Camiño (Palas de Rei) nunha época na que a nova lei LOGSE xeraba aínda desconfianza entre os estudantes. Moitas das súas compañeiras e compañeiros de Palas marcharon para a cidade para continuar estudando BUP, sendo ela a única rapaza do pobo (entendido este como o referido ao núcleo de Palas, non ás aldeas do arredor) que permaneceu. Considera que aquel modelo tivo unha importante calidade educativa xa que era completamente personalizado e adaptado ás necesidades dos estudantes.
A nenez desta muller da Ulloa estivo enchoupada de actividade. Fixo atletismo, baloncesto, fútbol, teatro, música tradicional... e todo en Palas. Participante das escolas deportivas do movemento do deporte escolar, foi campioa galega de 400 metros valla e tamén de bádminton.
Rematada a Selectividade, Pena armou a súa maleta para viaxar a Compostela, onde estudaría Xornalismo. Fixo prácticas tanto en O Progreso de Lugo coma na Televisión de Galicia, todo coa fin de ver diversos eidos profesionais e de decidir o que facer ao termo da formación. Xusto ao rematar propuxéronlle un emprego no Gabinete de Presidencia da Xunta de Galicia, experiencia que considera foi a base do seu “eu” profesional por todas as competencias que foi desenvolvendo. De alí regresou ao Concello de Lugo para traballar como xefa de prensa, unha experiencia que foi incluso máis esixente a nivel laboral.
Posteriormente achegouse de novo ao traballo xornalístico como freelance en medios dixitais. Participou en El Mundo Galicia (levando a área de Lugo), en Expansión Galicia e noutras axencias de comunicación. Mantívose así durante uns anos ata que regresou á Deputación de Lugo durante tres anos e, despois daquilo, decidiu darlle un xiro tanto á súa vida persoal coma á laboral.
Tras decidir mercar unha casa en San Miguel de Coence (Palas de Rei) xunto co seu compañeiro (Miguel, músico de profesión) comezouse a crear a que é a “casa das letras e da música”. Debido ás características da vida profesional do seu compañeiro, o lugar exacto no que se asentasen non tiña demasiada importancia, xa que é moi frecuente na súa realidade a mobilidade. Sen embargo Silvia sí tiña unha clara preferencia pola Ulloa, algo que viña determinado tanto polo transcurso da súa infancia e adolescencia na mesma coma porque a súa nai e o seu pai seguían vivindo na zona.
O proceso de busca de vivenda foi duro, tanto debido aos ideais de fogar que ambos tiñan en mente como ao feito de que buscaban estar preto do seu lugar de traballo. Os prezos das construcións que reunían as condicións necesarias no rural periférico á cidade de Lugo eran inaccesibles, polo que houbo que buscar novas alternativas. O feito de dirixirse cara espazos rurais era unha necesidade para os dous membros da parella, a cal era quizais maior en Miguel, quen precisaba dun espazo onde poder tocar a tuba sen interferir coa vida da veciñanza. No seu fogar tamén buscaban vivir a “ras de solo”, sen estar levantados sobre escaleiras que os levasen a perder a perspectiva sobre o terreo.
Buscaron, entón, primeiro pola zona de Silvia e atoparon unha casa que, aínda que lles gustaba, se lles ía de prezo. Negociaron, firmaron un acordo favorable para ambas partes e decidiron habitar o que hoxe xa é o seu espazo en San Miguel de Coence.
Hoxe en día, Pena traballa a distancia dende a súa casa, de tal xeito que dende a ventá do seu estudo vixía as galiñas na aira da casa. No seu día a día realiza a comunicación institucional de varios concellos rurais da provincia e xestiona tamén a presenza dos mesmos nas redes sociais. Ela é unha desas persoas que traballan para crear as comunidades 2.0: lugares virtuais onde todos os colectivos se sintan presentes e recoñecidos.
As posibilidades de asentamento cada vez sitúanse menos na dobre polaridade aldea/cidade, de xeito que están a xurdir novas formas no hábitat, máis complexas e relacionadas entre sí. Este proceso de transición rural está a migrar dende unha situación de illamento a outra de interdependencia con zonas de diversas características. Isto está a provocar unha importante plasticidade tanto en canto aos territorios coma á economía ou á estruturación social. Esa nova ruralidade que xurde caracterízase por ser máis heteroxénea e diversa.
Este feito, recollido no estudo A poboación rural en España: dos desequilibrios á sostibilidade social (Camarero e colaboradores, 2009) é corroborado por Silvia Pena. Tal e como ela afirma, o feito de vivir no rural non implica unha desconexión de outros territorios, como tampouco asumir este modelo de vida implica necesariamente dedicarse ao sector primario.
Neste rural diverso tamén entra a cultura entendida coma un fenómeno comarcal, de tal xeito que empregando un tempo de desprazamento razoable son moitas as localidades que ofrecen posibilidades de ocio.
Os procesos de revalorización do medio rural que se veñen dando durante as últimas décadas son froito de superar aquela visión propia das épocas onde o desenvolvemento levado ao extremo era o obxectivo. O neorruralismo podería definirse como un fenómeno demográfico que supón o asentamento dos individuos orixinarios de núcleos urbanos en municipios rurais. Aínda que ás veces hai persoas que se achegan ao rural coa intención de “salvalo” é preciso poñer o énfase na estratexia de apostar polos lugares mostrando os proxectos e os procesos de innovación e desenvolvemento que se están a potenciar.
Hai unha importante responsabilidade individual no xeito de habitar os lugares. Silva e Miguel decidiron participar en todas cantas actividades puidesen na zona a fin de coñecer a unha veciñanza coa que non tiña ningún tipo de vínculo. Dende un magosto ata un club de lectura foron moitas as iniciativas nas que se enrolaron, o que lles permitiu abrir as portas da súa casa e tecer redes. A isto sumouse que eles son uns grandes afeccionados de camiñar, polo que sempre que vían unha casa aberta nas súas rutas paraban a saudar. Miguel levaba un pequeno rexistro co nome das persoas coas que se ían atopando, de tal xeito que vivir se foi convertendo nun descubrimento constante.
As lembranzas que Silvia ten relacionadas co deporte e coa música conteñen múltiples rostros de cativas e cativos que tamén formaban parte daquel universo non lectivo. As oportunidades de saír (que, no caso dela, eran limitadas debido ao traballo dos seus pais) combinábanse coa oferta de ocio de proximidade.
Esta oferta cultural ten unha presenza considerable nos concellos (segundo valora Pena), pero é preciso que sexa máis divulgada. É necesario contar o que se promove dende a administración local para que a veciñanza poida facer uso desas actividades, as cales contribúen de xeito notable ao desenvolvemento de competencias para a vida. As programacións ininterrompidas axudan a educar dende a infancia e a asentar uns vínculos de calidade con outras persoas da contorna.
Os concellos teñen tanto o reto coma a oportunidade de conseguir que a xente estea ao tanto das actividades que se promoven. É habitual que non se cubra a matrícula de certas actividades, e isto débese a que ás veces non se consegue chegar ao usuario final; é imprescindible empregar múltiples ferramentas comunicativas que permitan achegarse a diversos perfís, tanto a aqueles que están alfabetizados nas novas tecnoloxías coma aos que non.
Non obstante cada vez as persoas son máis usuarias das redes sociais entendéndoas coma fontes de información diarias. En canto aos concellos o uso ou desuso das redes depende da educación que se posúa no uso das canles comunicativas. A experiencia devólvelle a Silvia a percepción de que, conforme se traballa no emprego das ferramentas, a maior parte dos concellos (independentemente do seu tamaño) acaban por implantar este modelo de diálogo coa veciñanza.
Silvia nunca di que é de Palas, senón que se considera da Ulloa. Coma se comparase o lugar coa Terra Media (o universo literario creado por J. R. R. Tolkien) cree que a persoa que habita o lugar se sinte máis da comarca ca dun pobo en concreto. As delimitacións territoriais dos concellos acaban por crear límites imaxinarios, xa que a nivel xeográfico non hai case diferenzas entre unhas localidades e outras.
Vivir no rural non implica que exista menos presión laboral ou un incremento necesario da felicidade, pero Pena expresa que, dende que vive en San Miguel de Coence, o seu tempo libre ten máis calidade. Defensora da idea de que “os cartos só serven se axudan a mercar tempo” segue a invitar amizades á súa casa para que escoiten a pausa da Ulloa, para que se enchoupen do silencio e do ruxir dun medio natural que remata por ser a banda sonora de toda unha vida.