Quen é Leticia Fernández Álvarez?

Leticia ten 29 anos e vive en A Fonsagrada. Despois de tomar contacto coa carreira de Matemáticas en Santiago de Compostela decidiu regresar á Fonsagrada para emprender. Propietaria dunha ferraxaría, representa á mocidade que decide xerar o seu propio nicho de mercado para permanecer no lugar que se quere habitar.

RL

 

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Leticia (1991) medrou nun pobo situado a cinco quilómetros de A Fonsagrada (Aldomán, situado na parroquia de Cuíñas). A súa era unha casa das que contaban cunha pequena cantidade de gando, do cal se foron desfacendo pouco a pouco. O feito de que o seu fose un pobo pequeno facía que tanto ela coma os seus outros irmáns puidesen andar libremente polo mesmo, entendendo a veciñanza case coma unha extensión da familia que habitaba o fogar.

Ata os 18 anos estivo escolarizada en A Fonsagrada. Lembra que na súa promoción eran máis de vinte crianzas na aula, o cal cambiou considerablemente. Posteriormente moveuse a Santiago de Compostela para estudar Matemáticas.

Despois de ver que a formación universitaria que escollera non a satisfacía o suficiente regresou á Fonsagrada e comezou a dar clases particulares, xa que era un campo que lle gustaba e que á vez recollía unha certa demanda.

 

Emprendemento rural: A ferraxaría

Debido a que as crianzas non eran as suficientes coma para que Leticia puidese vivir enteiramente deste sector profesional comezou a pensar nun negocio que puidese compatibilizar con esta actividade. Aínda que nunca pensara en poñer unha ferraxaría fixo un estudo das necesidades existentes dentro do pobo, e chegou á conclusión de que ese tipo de servizo non se prestaba. Se ben sí que existía un negocio tradicional ligado a ese sector, as persoas demandaban maior atención ao cliente, algo que ela procura de xeito prioritario.

O proceso ata a data de apertura foi longo. A burocracia e os tempos dos trámites administrativos foron para ela un reto á hora de comprender que o seu negocio non podería estar en marcha tan axiña como lle gustaría. En novembro do ano 2020 comezou os trámites, e abriu case doce meses despois. Non obstante valora que foi un acerto sumarse á cadea Cadena 88, xa que dende alí asesorárona sobre os produtos, a decoración do local ou as cadeas de subministro.

 

RL

 

Aínda que este negocio ten aínda un curto percorrido no tempo, a xente xa vai sendo consciente que se presta ese servizo na comarca. Leticia, que anunciou a apertura a través das redes sociais, detecta que as persoas maiores (que son potenciais consumidoras deste tipo de establecementos) seguen descubrindo con sorpresa a presenza do local. O boca a boca foi unha das mellores estratexias de promoción para a tenda, pero considera que sería preciso facer máis publicidade e que esta non fose soamente a través das canles da internet.

O perfil de cliente (aínda que é moi variado) céntrase nas persoas de mediana idade. As persoas máis novas adoitan empregar a internet para comparar prezos e incluso para facer as súas compras a través das plataformas en liña. Isto é unha eiva para os comercios pequenos (explica Leticia) xa que se fai complexo competir tanto en prezo coma na velocidade de servizo. En contrapunto aparecen a calidade, o asesoramento ou a proximidade como factores determinantes para buscar a atención personalizada.

Entre as seccións da ferraxaría destacan as de cociña, xardín, electricidade e fontanaría, e aquelas outras estacionais como pode ser a de Nadal. Os catálogos da cadea (que se atopan no exterior da tenda) ofertan todo tipo de produtos, aínda que estes non estean expostos, e poténciase tamén o servizo de entrega de produtos no fogar.   

 

Emprendemento e contorna

Na ferraxaría traballa tamén a nai de Leticia, polo que o 100% do persoal son mulleres. Non se atoparon no seu exercicio profesional con estereotipos ou prexuízos de xénero; de feito evidenciaron que moitos dos clientes se paraban a explicarlles o uso que lles darían aos aparellos que mercaban cando elas se interesaban.

O negocio permitiulle tamén á nai de Leticia experimentar unha realidade diferente á que lle ofrecía o seu antigo emprego (un supermercado). Son moitas as persoas que acoden ás tendas pequenas buscando non só mercar, senón tamén compartir un anaco de conversa. Ese factor, que diferenza as grandes superficies das pequenas, permite que se lle atenda a cada persoa de xeito individualizado.

 

RL

 

Unha das necesidades que detecta esta buroega (persoa natal de A Fonsagrada) en canto ao emprendemento está relacionada co acompañamento e o asesoramento. En consonancia co manifestado na Revista 122 de Estudos de Xuventude (Xuventude rural e desenvolvemento), 2018, ela cree indispensable contar con figuras que faciliten o acompañamento ás persoas novas emprendedoras. Os trámites administrativos non poden supoñer unha barreira á hora de emprender no rural, senón que deben fomentar o establecemento de empresas e servizos. Se ben ela acudiu ao GDR Montes e Vales Orientais e obtivo axuda no tocante ás subvencións que dende o servizo se tramitan, sí que sería preciso contar cun apoio a nivel xeral.

 

Novas tecnoloxías e pequenos negocios

É evidente a necesidade de que os negocios se adapten aos tempos, tanto en canto aos produtos que se ofertan coma ás liñas de comercialización. A páxina web (que se emprega na ferraxaría a través de Cadena 88) é unha das ferramentas máis empregadas entre a clientela, que xa se achega á tenda cun estudo feito sobre aquilo que decidirá mercar.

No estudo realizado por López Rodríguez (2015) sobre o uso das novas tecnoloxías nos negocios rurais de España, recóllese a análise realizada por Losada e colaboradores (2001) sobre o perfil da persoa galega que rexenta este tipo de negocios. Segundo se explica (e en consonancia co que argumenta Leticia) a idade é un factor que determina de xeito importante o interese por modernizar e adaptar o negocio á contorna empresarial. Por outra banda tamén se evidencia o escaso grao de asociacionismo existente, o que non vai en contra de mostrar un alto dominio do oficio e unha clara intención de ofrecer un trato personalizado. Usualmente as persoas acceden ao sector como propietarias, o que provoca certo inmobilismo e individualismo na titularidade e a conseguinte dificultade para propiciar un relevo xeracional. No estudo anteriormente citado tamén se recolle como principal nicho de mercado a xente do lugar, aínda que o turismo comeza a ser tamén importante de cara á economía, algo que Leticia tamén experimentou en A Fonsagrada.

É, por tanto, crucial formar ás e ós comerciantes do medio rural tanto no emprego da Internet coma das redes sociais, así coma motivalos para espertar o seu interese no uso destas ferramentas. Se ben isto non é tan necesario nas persoas novas, como sinala Leticia, as persoas maiores poden verse tan afastadas desta realidade que acaben por situarse á marxe da mesma.

 

Despoboamento

Leticia, a súa irmá e o seu irmán decidiron quedar en A Fonsagrada, algo que ela explica dun xeito natural e baleiro de heroicidades. No caso de seu irmán permaneceu porque tiña a posibilidade de facerse cargo dunha empresa familiar vencellada ao sector forestal e, no de súa irmá, porque despois de viaxar atopou tamén unha oportunidade laboral na contorna.

Fernández, que recoñece que nunca quixo moverse do lugar e que sempre considerou prioritario o asentamento na localización na que medrara, decidiu crear o seu propio nicho de mercado para poder permanecer.

 

Presente e futuro

Reclámanse máis axudas para o emprendemento e o mantemento dos servizos esenciais xa que iso será imprescindible para o asentamento da poboación moza. Doutra banda a vivenda tamén se configura coma un factor estratéxico para a permanencia da xuventude, eido no que se detectan importantes dificultades, como xa se mencionou en anteriores entrevistas do presente proxecto de investigación.

Leticia non se atreve a facer predicións de futuro en canto á densidade demográfica. Dende fai tres anos o turismo experimentou un importante auxe, tanto o internacional coma o nacional, o que xerou novos nichos de mercado para as persoas que buscan emprender. Se ben existen necesidades individuais, existen tamén outras de carácter grupal que poderían estenderse a toda a comarca. As necesidades normativas (propias de cada grupo de idade) deben ser analizadas de cara a establecer plans de desenvolvemento rural.

 

Identidade rural

O medio rural é, para Leticia, todo o que se sitúa fóra das cidades. Pequenos pobos onde as redes de apoio son importantes, que se caracterizan pola tranquilidade e tamén pola preservación duns modos de vida concretos. Aínda que recoñece que todas as persoas teñen unha importante capacidade de adaptación e que, por tanto, ela podería acostumarse a vivir nunha cidade de ser preciso, subliña a importancia de que as persoas habiten os espazos que desexan.

De novo os discursos familiares cobran unha importancia capital á hora de educar as crianzas. Na familia de Leticia sempre se procurou que os tres fillos vivisen no lugar que lles permitía acadar unha maior felicidade. Esta non imposición nin do urbano nin do rural acabou, neste caso, por favorecer o asentamento no medio rural. E quizais esa sexa a clave do éxito: educar para escoller en liberdade e sen prexuízos.