Quen é Esther Teijeiro Lemos?

A Esther pásalle como se di que lle ocorre ao bo viño: vai mellorando cos anos. A súa non deixa de ser unha vida de aprendizaxes, de observación do presente co obxectivo de avanzar no futuro. Propietaria dunha adega da Ribeira Sacra, esta muller de 80 anos tivo clara, case dende o principio, a importancia de cultivar en ecolóxico.

 

RL

 

Primeiros anos de vida

No ano 1936 naceu, en Nogueira de Miño, Esther Teixeiro. A súa nai e o seu pai tiveran vida de emigrantes en Cuba e en Arxentina, e foi precisamente en Cuba onde, no ano 1928, o seu pai traballou como condutor do automóbil privado de Gerardo Machado y Morales, quinto presidente da República cubana. Ao seu regreso xa se estableceron definitivamente en Nogueira, formando parte dun sistema que estaría enormemente condicionado pola Guerra Civil. A pesar da crueldade e da dificultade do momento, os primeiros anos de vida de Esther están cheos de lembranzas doces, sementados de persoas e de irmás e irmáns. O oficio que buscaron para ela foi a costura, aínda que durou soamente once meses no posto.

Se había algo que non lle gustaba de nova era a terra. O que Esther desexaba era emigrar á Arxentina, para poder lucir un sombreiro, pintar as unllas e subirse nun coche. Resume aquel ideal como “vivir de rica... Sen selo”. Se non marchou foi, primeiro, porque os seus pais non lle daban diñeiro para a pasaxe. O segundo motivo para permanecer foi moi diferente: con catorce anos perdeu a súa nai e, con quince, ao seu pai. A aquela nova realidade non tardou en sumárselle o casamento (1956) o que fixo que se movese a O Pincelo, un pobo situado preto do seu, onde comezou unha vida non só cunha nova parella senón tamén cunha familia diferente.

 

Emprendemento e nova etapa vital: Adegas Diego de Lemos

Nada do que hoxe ve quen se achega á adega Diego de Lemos existía fai decenas de anos. O negocio que hoxe se pode observar, probar e desfrutar é froito da xestión das vides que tiña o marido de Esther no lugar e tamén da inversión que ela fixo no mesmo tras a venda das súas terras de Nogueira. Na casa do marido de Esther transformábase a uva que daban as poucas viñas que tiñan, e por olas (21 litros) e por canados (42 litros), no canto de por botellas. Teijeiro comezou a preguntarse por qué a Ribeira Sacra tería entón que ser menos ca, por exemplo, a Rioxa, que sí embotellaba o seu viño. Así aprendeu que, para vender de xeito diferente era preciso contar con diversos rexistros, e por ese motivo se impulsou a creación da adega. No ano 1985 abriron a Adega Pincelo, a cal sería a primeira en producir na zona baixo unha marca e tamén en reivindicar a Denominación de Orixe, situando nos vidros unha etiqueta que dicía “Viño de Chantada”. De alá a uns anos continuaron proliferando as adegas da contorna, o que fixo que xa se recoñecese a etiqueta xeral (que aínda non sería Denominación) “Viños da Terra” e, posteriormente, xa se conseguiu a Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Diego de Lemos, líder das Revoltas Irmandiñas e avó de Esther, púxolle o nome a unha iniciativa que defendeu a revolución coma única opción de vida. Na etiqueta dos viños que se producen dende a adega obsérvanse as figuras negras duns gorrións atacándolle ao seu depredador, todo elo sobre un fondo branco. É unha boa maneira de resumir tanto a liberdade pola que se loitou no pasado coma a que se defende no presente. A transformación que ela perseguía non se cría nin dentro da familia do seu home nin na sociedade en xeral. Sen embargo contou sempre co apoio de dous irmáns, o cal recoñece que foi un aspecto fundamental de cara a lograr unha mellor calidade de vida a través do traballo.

 

RL

 

Para comprender a historia desta iniciativa débese afondar nos ollos de Esther, viaxar polas historias que ela narra e saír delas, para observalas dende o exterior, dende o ano 2021. Ela di que, de cen persoas, aparece unha que é quen de seguir unha arroutada. No século pasado, o seu rauto foi cara a ecoloxía e a alimentación sostible, algo que se está a debater con forza no presente e que a sitúa a ela como pioneira de algo máis ca do viño en ecolóxico. Aquela corda de pensamento levouna a analizar que os alimentos que ela consumía na súa casa natal estaban libres de praguicidas, o que implicaba unha menor produción pero tamén todo un ecosistema ao redor das plantacións. Mirando as súas vides, comprendeu que a terra era dura e sen herbas, e asociou esa manifestación á enfermidade do terreo. Aquela pequena revelación produciuse no ano 1998 e, dende aquela, deixouse de dar herbicida nas plantacións coa intención de dar o salto ao selo ecolóxico.

Todo o viño da adega Diego de Lemos é vendido tanto a particulares coma a negocios especializados na venda en ecolóxico. Pese ás dificultades que presenta traballar baixo este tipo de sistema, Teijeiro cree que o futuro da alimentación deberá pasar polo consumo responsable tanto co propio organismo coma co sistema circundante. 

 

Alimentación e ecoloxía

Esther criouse nunha casa sen insecticidas nin sistémicos nas cepas, algo que ela sempre quixo reivindicar para o negocio actual. Considera que é imprescindible o apoio institucional á produción en ecolóxico xa que ofrece unha seguridade para o consumidor. Os controis que se precisan están presentes ao longo de todo o proceso; no caso da adega, tómanse análises da uva, da folla, da terra,... É necesario ter en conta diversos elementos para poder contar co Selo CRAEGA.

 

RL

 

Neste negocio foi complexo comezar a vender o produto, aínda que agora xa contan con canles de distribución para toda a súa materia prima. Non obstante, Esther analiza que están a ser anos duros para o cultivo en ecolóxico, en canto á cantidade das colleitas. As variacións climatolóxicas afectan de xeito real á capacidade produtiva das cepas, polo que lle resulta difícil anticipar cal será o futuro da empresa, aínda que afirma rotunda que é posible facer vida dentro deste sector laboral.

 

Sector primario e medio rural

O mar e a terra son as divisas de maior valor que esta muller identifica dentro de Galicia, de tal maneira que será preciso recoñecer a importancia do sector primario para que as persoas retornen a traballar ao mesmo. Tamén cree necesario o asociacionismo e traballar dende a cooperación e a suma de esforzos, o cal permitirá conseguir mellores prezos e canles de distribución.

Cree imprescindible, tamén, o asesoramento no medio rural. Se ben se precisa que as persoas se formen de xeito individual, é tamén interesante a figura de acompañamento nas iniciativas do sector primario. Esta guía permitiría, tanto mellorar a produción a curto prazo coma indicarlles ás persoas emprendedoras eidos nos que sería conveniente ampliar o coñecemento.

 

Muller e rural

Pouco se pode engadir da vida dunha persoa que encarna a importancia da revelación contra o canon, contra o agardado e contra o sistema. Hai algunhas outras figuras na historia que foron coñecidas por desafiar as regras en tempos nos que a subversión estaba duramente penada. Quizais todos os atributos que poden colgárselles a aquelas mulleres que estiraron as cordas do permitido socialmente poidan tamén pendurarse das costas de Esther.

Á transformación que ela propiciou sumóuselle o reto de atender a dúas crianzas. Unha das maiores dificultades do proceso foi procurarlles unha formación, para o cal debían desprazarse a Chantada. Aquilo implicaba pagar o transporte, pagar a comida quente ao xantar e pagar moitas outras cousas asociadas á escola. Sempre pensou que a formación era básica e que o saber abre as portas para comprender o lugar do que se vén.

Se algo é a muller no imaxinario desta adegueira sería o alicerce, o sustento e o centro. Lémbralles a todas as xeracións de mulleres que a situación debe cambiar para ser máis xusta e igualitaria, e que, nesa transición, elas teñen un papel crucial. Tomar o control para escapar das situacións que non se desexan é preciso para poder acadar un sistema que sexa mellor para as persoas que o habitan. Comprende que, ás veces, hai confrontacións difíciles de gañar, pero lembra que sempre se chega a un lugar diferente do que se ocupa cando non se intenta facer nada.

 

Os Peares: o encoro que asolagou a realidade

Nos primeiros anos da década dos cincuenta, no Río Miño, construíuse o encoro de Os Peares, entre os concellos de Carballedo e Pantón. A obra, que tiña a fin de xerar enerxía hidroeléctrica, anegou o patrimonio de decenas de pobos, así como os bens agrarios. Esther, que tiña os avós en Portotide (Chantada) e que atravesaba O Pincelo para viaxar a Chantada asistiu á usurpación que provocou en numerosas familias aquel fenómeno. As casas, as terras, as viñas... todo quedou debaixo dunha auga que, agora, reflexa só a cor do ceo, coma o espello que sabe esconder a súa tapa posterior.

Se ben, na época da obra, esta zona da Ribeira Sacra tiña unha importante eiva, que era a falta de luz eléctrica, Teixeiro aínda se pregunta se esa sería a única opción viable. Ao redor do Miño había un importante potencial para a agricultura; concretamente, esta octoxenaria recorda o pobo de Sernande, que era coñecido coma “a segunda Valencia” polo clima que presentaba. De diario carretábase verdura, viño e cereixas cara as vilas; todas as casas eran produtoras e toda a materia prima era pouca para cargar os automóbiles, carromatos e mulas que mercaban os bens.

Unha vez se perdeu aquela inmensa cantidade de bens, moita xente optou por emigrar e, a que quedou, aceptou a chegada da pobreza debida ao decrecemento das colleitas. Como narra Julio Llamazares na súa obra Distintas formas de mirar el agua, foron múltiples as historias das familias que viraron o seu rumbo debido á expropiación das vivendas e das terras. A vida nestas zonas semella un caleidoscopio, de tal xeito que unha mesma realidade non afectou a ninguén por igual. 

 

Despoboamento e medio rural

O Pincelo (Chantada) sufriu unha grande transformación demográfica. Cando chegou Esther, coma na maior parte de pobos do rural galego, había moita máis poboación ca hoxe en día. Este descenso aínda que non se freou, experimentou unha serie de particularidades nos últimos anos, coa chegada de novos poboadores. Neste sentido son diversas as persoas que se achegaron ao lugar, igual que o son os seus obxectivos vitais dentro do medio rural. Carlota Pérez, veciña de Esther e tamén participante no presente estudo de investigación, permanece de xeito diario en O Pincelo, dende fai xa varios anos. Pola contra, existen outras persoas que se interesaron pola compra de vivendas para empregalas de xeito esporádico.

Aínda que Esther considera que todo achegamento ao rural é positivo séntese un pouco preocupada porque exista unha tendencia estacional nos asentamentos. Defende que a maior parte da vida dos lugares provén das casas que están habitadas a cotío, non tanto das actividades vacacionais.

Os dous fillos desta muller establecéronse en Chantada e, cando se lle pregunta sobre cómo os educou, ten claro que sempre lles tentou transmitir que a terra que é doutros nunca será quen de querer tanto a un mesmo coma a propia. Sempre tivo claro que a nenez marca ás persoas, pasando a casa a ser un lugar de seguridade e de apego.

 

Identidade rural

Se ben este podería ser o relato da historia dun negocio, é en verdade a narrativa de cómo a identidade inflúe de xeito determinante no modelo de vida que se crea. As historias de vida non deixan de ser decisións que, coma nunha cadea, van agarrando unhas das outras. Esther é o discurso latente do apego á terra e ás persoas, e da importancia de coidar a conciencia colectiva.  

Da historia de vida dela desprende unha mensaxe para deixarlles a todas as persoas novas que habitan o medio rural: Non marches. Porque se non atopas algo que che apeteza facer coa túa formación, na túa casa has toparte cunhas terras. Ten unha hortiña pequeniña para ti á que poidas ir recoller unhos tomates e di “Istes cultiveinos eu”.