Quen é Verónica Page?

Verónica é unha historia de movemento, de selos no pasaporte e de intentos de probar a facer vida daquelas cousas que a ela a enchen. Arxentina de nacemento, hoxe habita Mondoñedo, lugar onde traballa como artesá a través da marca Miratu.

 

RL

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Verónica naceu en Arxentina (La Plata, Bos Aires) e o seu contacto con Galicia reduciríase, ata a súa chegada á nosa comunidade, ao que lle proporcionaba o seu padriño de orixe galega. A vida na cidade cambiouna, xunto coa súa familia, polo establecemento nunha aldea máis pequena ca Mondoñedo.

Cando ela tiña 18 anos, súa nai comprou unha roca de alfarrobeira, e ensinoulles a todas as irmás a fiar lá para abastecer unha demanda da época. A moda do momento eran os xerseis de lá gorda, que se comercializaban fundamentalmente nas áreas turísticas. A roca foi deixando de xirar a medida que as rapazas foron deixando a casa familiar para viaxar ou traballar noutros sectores. Verónica marchou a Bos Aires e a súa nai estableceuse na India, polo que aquela casa familiar que estaba no rural quedou baleira.

A pesar de que aquel instrumento permanecese no esquecemento, Page continuaba dedicándose á artesanía exportando pequenas producións de lá a norte América a través dos irmáns que tiña alí establecidos. Unha das súas irmás estableceu un contacto en Francia (Niza), mentres estaba de lúa de mel, que tiña interese na lá de alpaca. Verónica chegou por primeira vez a Europa para continuar cos acordos comerciais en Niza e, posteriormente, mudouse a Alemaña e estivo centrada noutro sector durante seis anos.

Cando a etapa en Alemaña rematou, foi invitada a participar nun encontro de Ioga en Andalucía (ela é docente desta disciplina), e alí acadou un emprego no sector. Lugo achegouse a ela a través dunha amiga, que lles ofreceu a posibilidade de establecerse durante un mes e poder así percorrer Galicia. Aquel breve contacto quedou prendido na súa memoria, non só pola experiencia da viaxe senón pola cultura artesá que observou na Comunidade. Naquel momento contactou con Francisca López López, coordinadora de proxectos para o desenvolvemento da artesanía no Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, quen a animou a traballar no sector dende a Provincia de Lugo. E daquela, a través da percepción da viabilidade de traballar de novo como artesá, recordou a roca.

Regresou á casa familiar de Arxentina e trasladou o seu instrumento de traballo a Andalucía (onde continuaba asentada), e comezou a fiar lá de ovella do norte de España. A posibilidade de comprar unha casa nunha aldea barallábaa (xunto co seu compañeiro) no sur da península, ata que apareceu a súa actual vivenda en Mondoñedo. Entón decidiron trasladarse a Galicia e comezar un proceso tanto de rehabilitación da vivenda coma de establecemento de vida.

 

Regreso ao medio rural e emprendemento: Miratu

A construción que adquirían precisaba dunha importante reforma que levou á parella a vivir, durante un mes, nun albergue en Mondoñedo. Posteriormente xa se moveron á mesma e formaron parte activa do proceso de reconstrución. Verónica lembra participar de todas as formacións e cursos que ofrecía o Concello relacionados coa restauración, sempre co obxectivo de poder aplicar o aprendido na casa. Non só amañaron o fogar, senón que o seu compañeiro acabou facendo da ocupación a súa profesión. A nivel comercial, o negocio da lá é bastante estacional, polo que era preciso diversificar as ocupacións. Pola súa parte, Verónica presentou o proxecto de reactivación do vello mercado, e así comezou un proceso de dinamización que aínda hoxe en día segue en marcha.

No Mercado de Mondoñedo, Verónica non só vende senón que tamén traballa. Isto implica que, cando a xente se achega ao seu posto, o primeiro que lle contan é que, nas súas casas, tamén existía algo similar. Logo, cando ela saca a cardadora, xa estoupan definitivamente as lembranzas, o que fai que Miratu empate definitivamente coa realidade galega.

 

RL

 

A lá que se fía é de alpacas cántabras, pero tamén se traballa a de ovella de Mondoñedo. Son fibras completamente diferentes, sendo a de alpaca semellante á seda no tacto e ao algodón no volume que presenta. Trátase dun produto de calidade que Verónica recibe directamente despois de ser sacada do animal. O proceso de fiado require pasar horas na roca, torcendo e creando novelos para, posteriormente, poder tecer as prendas que se desexen. Non todas as máquinas que emprega Verónica son antigas, hai outras que son novas e que lle axudan a poder traballar o material doutros xeitos, o que axuda a perder menos material. O que ela produce téceo en pequenas prendas textís, aínda que recoñece que ela non se considera tecedora. O seu nicho de mercado é a venda de lá fiada para aquelas persoas que tecen, comercio que ten especialmente establecido con persoas de Andalucía. Tamén achega os seus produtos á poboación na época do Nadal: na Provincia de Lugo establécense no Centro Comercial Carrefour durante case un mes.

Contar cun local permitiulle a Verónica establecer un obradoiro no que traballar, algo que lle permitiu sacar o negocio da súa casa e conectalo co exterior. Debido a que no inverno ten máis horas de traballo combina esta tarefa coa maior presenza en tenda, o que lle permite tamén ter máis dispoñibilidade para recibir visitas.

 

Artesanía, identidade e cultura

Nun intento de recuperar as actividades tradicionais, o fiado das fibras lembra a importancia daquelas cousas que se fan a man e de xeito lento. Considera que é sumamente importante achegar a realidade da artesanía ás crianzas da Provincia de Lugo, xa que isto é tamén un xeito de comprender non só os oficios tradicionais, senón os do presente. Defende que é preciso que as persoas participen destas realidades tamén para poder valoralas: será moi complexo que alguén antepoña un xersei tecido a man fronte a un industrial se non coñece o proceso, e incluso se non toca o material e percibe a diferenza entre o sintético e o natural.

 

RL

 

Protexer e apoiar a artesanía é unha maneira de protexer o patrimonio cultural, de tal maneira que se preserva a identidade e se apoian realidades e maneiras de vivir. No ano 2003, a UNESCO solicitou a salvagarda das técnicas ligadas á artesanía tradicional, xa que estas forman parte do patrimonio inmaterial das comunidades. É esencial relacionar a cultura que nace deste conxunto de profesións coa comunidade para contribuír a que a poboación local se sinta orgullosa desa identidade. É esencial, por tanto, sumar a artesanía á programación cultural dos concellos para que non se asocie soamente a momentos de festa ou feira e se comprenda coma o que é: patrimonio e identidade.

 

Artesanía e rural

O barrio de “Os Muíños” atópase en Mondoñedo e nel agrúpase un importante colectivo de persoas que se dedican á artesanía. O nome do lugar provén do asentamento sobre as canles do río Valiñadares, o cal permitía (en épocas anteriores) o traballo dos muiñeiros, ferreiros ou curtidores de pel. Hai especialistas na cantería, nos títeres, na cerámica, na arte ou no serigrafiado, e agora tamén na lá, da man de Verónica. Aínda que ela non teña o seu negocio neste barrio de Mondoñedo, forma parte da asociación e das actividades que se realizan dende a mesma.

Tal e como explica Fernando Valiño, presidente da Asociación de artesáns e canteiro, para o xornal El Progreso, hai moita xente nova traballando no sector que trata de que a artesanía continúe medrando. Existe, nesta asociación, un importante afán de abrir a realidade artesá e mostrala, motivo polo que contan cun programa de visitas que funciona durante todo o ano. Aínda que a divulgación das actividades se fai a través da páxina de Facebook da Asociación é esencial a colaboración coa Oficina de Turismo. Dende este servizo infórmaselle a calquera persoa sobre a oferta do barrio de Os Muíños, así como son postas en contacto directo coas persoas que alí traballan. Achéganse persoas que, preferentemente, fan un turismo de carácter cultural e familiar e que buscan na contorna alternativas de ocio ligadas ao patrimonio ou á etnografía. Os locais que ocupan as e os artesáns son xestionados polo Concello de Mondoñedo, polo que calquera persoa que desexe instalarse nos mesmos para comezar cun oficio debe poñerse en contacto co mesmo.

O relevo xeracional, segundo Fernando, é complicado de analizar. Se ben hai persoas que se interesan por cursos ou formacións esporádicas, aínda non hai tantas outras que pretendan facer do oficio unha realidade laboral.

 

Muller e emprendemento

En canto á presenza no mercado, Verónica atópase con que non hai tanta demanda do seu material en España, debido tamén ás condicións climatolóxicas (a lá de alpaca é a predilecta en lugares do norte de Europa, xa que o seu poder térmico é sete veces maior ca o da lá de ovella). Por este motivo considera necesario explorar novas vías de comercialización, as cales poden supoñer unha transformación do seu negocio.

No inicio do proxecto, formar parte de asociacións coma FADEMUR permitiulle comezar o seu negocio cun asesoramento profesional. Forma parte da iniciativa Ruraltivity, Lanzadeira de Emprendedor@s Rurais, creada por este colectivo. Isto supúxolle participar en formacións para o autoemprego e o emprendemento e tamén contar con asesoramento e seguimento personalizado do seu proxecto.

 

Vínculo e comunidade

Algo esencial no proceso de consolidación dun proxecto de vida é a conexión coa comunidade, algo que se comproba na maior parte dos relatos de experiencias que teñen continuidade no rural. Sen embargo, ás veces tamén ocorre que aquelas persoas que se asentan no rural atraen a novos poboadores. No caso de Page, tras a súa chegada fomentaron o asentamento de outra familia que proviña tamén de Andalucía, os cales tamén impulsaron a uns terceiros a reparar noutra construción do pobo como segunda vivenda. Obsérvanse diversas maneiras de aproximarse ao rural, unhas consistentes no establecemento constante e outras que pretenden unha alternativa á realidade diaria. Se ben os novos poboadores non poden ser unha estratexia dinamizadora de xeito exclusivo é importante ter en conta estas realidades cando se analiza a demografía da zona.

 

Identidade rural

O rural é sinónimo de calidade de vida e de oportunidades, pero require pararse a fialas para poder crealas, a torcer as mesmas xunto coas realidades que acompañan e que rodean. É unha oportunidade para desfrutar da natureza e para contar con espazo para o que cada quen poida necesitar. Verónica considera que, habitalo, implica facer un pequeno click de consciencia, tanto a nivel de consumo, coma de alimentación ou de comprensión das necesidades.