Quen é Cristina Fernández?

Cristina Fernández é, ante todo, unha muller de O Cadramón (O Valadouro), pasando o pobo a ser algo máis ca un ente xeográfico, cobrando unha presenza determinante na configuración da personalidade. Traballa como administrativa en Maderas Pedreira (Guitiriz) e é exemplo de por que é preciso coidar os vínculos para loitar contra o despoboamento.

 

RL

 

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Con 35 anos, Cristina foi a última xeración que estivo na escola unitaria do seu pobo. Soamente puido estudar os primeiros cursos de Educación Infantil, xa que logo as seis crianzas que ocupaban as cadeiras da escola pasaron ao CEIP Plurilingüe Santa María do Valadouro. Eran 45 os minutos que separaban a súa casa (unha das últimas da parroquia) da escola, tempo que non só se debía á distancia física se non á cantidade de nenas e nenos que ían no transporte escolar.

Dentro dos múltiples recordos infantís que se arremuíñan na súa mente, un dos máis importantes está tinguido dunha análise de presente. Mentres que nos anos 80 había unha alta presenza de crianzas no CEIP, hoxe en día non hai aulas dobres. Este descenso da natalidade evidenciouno tamén Cristina na súa parroquia, onde hoxe en día hai soamente un cativo que acode ao centro escolar.

Cando rematou o instituto tiña claro que optaría pola Formación Profesional. Atopouse coa especialidade en Administración, a cal lle gustaba, e realizou a formación. Posteriormente fixo o seu período práctico en Costiña (Alfoz), lugar onde despois traballaría durante tres anos. Durante aquel tempo viviu no Valadouro ata que, posteriormente, se trasladou a Santiago. Na capital galega traballou, dende os 21 anos, levando todo o departamento administrativo de Costiña Orgánica, unha empresa relacionada tamén co sector da madeira.

 

Presente profesional: Maderas Pedreira

Despois de sete anos en Compostela, Guitiriz ofreceulle unha oportunidade na empresa Maderas Pedreira. A empresa, fundada no ano 1991, comezou dedicándose exclusivamente aos traballos forestais, aínda que hoxe en día compaxina esta actividade coa serra de diferentes especies forestais.

 

RL

 

Na data da súa entrada, no serradoiro, buscaban a alguén para a oficina. A Cristina pareceulle unha boa oportunidade para deixar a cidade e mudarse a un lugar máis pequeno, así que dende entón vive en Guitiriz. Non vía viable facer todos os días o traxecto de ida e volta ata o Valadouro, xa que lle supoñía entre corenta e cinco minutos e unha hora, aínda que recoñece que, de ser preciso, sería totalmente factible.

Esta nova experiencia laboral segue sendo unha oportunidade para aprender e mellorar, xa que agora ten tarefas que non asumía na súa anterior empresa. Non soamente se ocupa das cuestións administrativas, senón que tamén leva o peso do departamento comercial e de recursos humanos.

Na empresa traballan sete persoas na serra (incluíndo a área de oficina) e outras tres no monte, como equipo forestal. Os operarios de monte cortan a madeira que, posteriormente, entrará no serradoiro, onde se corta e se prepara para a venda. Poderíase entender o momento actual como un punto álxido da venda desta materia prima, en parte tamén porque se está a fomentar máis a construción empregando este tipo de material. Aínda que na serra soamente traballan con piñeiro, antigamente sí manexaban outro tipo de especies, e non se descarta a diversificación no futuro.

 

RL

 

 

Muller e emprego

A madeira acompaña a esta muller case dende o inicio da súa actividade profesional, feito que non é froito do azar, senón da busca de emprego nun sector que a atrae. Considera que a formación que fixo primeiramente foi un chanzo indispensable para poder avanzar e continuar mellorando as competencias que lle son precisas no seu día a día.

En canto á tipoloxía das empresas e á calidade de vida, ergue un voto en favor das que son de tipo mediano ou pequeno xa que, segundo a súa experiencia, ofrecen máis posibilidades en canto a flexibilidade horaria.

Cristina camiña por entre as labras da madeira sendo consciente de que é a única muller que traballa, de xeito diario, en Maderas Pedreira. Non só nunca se sentiu discriminada por cuestións de xénero polos seus compañeiros senón que sempre a apoiaron e valoraron as tarefas que realiza. A pesar disto sí que tivo algunha experiencia con persoas alleas á empresa que non lle atribuían todas as funcións que desenvolvía polo feito de ser muller. Nunha ocasión achegouse a Friol para revisar unha pista de monte, onde lle preguntaron se non podía facer o mesmo traballo o seu xefe. A súa estratexia neste tipo de situacións pasa por tratar de educar para que a xente comprenda que é igualmente válida a presenza dunha muller que a dun home. Recoñece que, para soster este discurso, son as mulleres as que primeiro deben concienciarse sobre as súas capacidades, e sentirse donas de pleno dereito da súa realidade laboral.

 

Sector forestal e futuro

A palabra futuro está condicionada pola escaseza do material, segundo considera Cristina. Ata agora estábase a empregar o piñeiro para o embalaxe, e a materia prima pagábase a prezos moi baixos, a día de hoxe ante a alta demanda no mercado, o piñeiro está acadando un maior valor comercial que tamén se está repercutindo na compra en monte acadando o piñeiro así máis valor, agardando que isto implique que os propietarios se volvan a animar a prantar esta especie.

Doutra banda, a realidade é que o eucalipto medra o dobre de rápido que pode facelo o piñeiro galego, polo que a compensación económica que perciben os propietarios é notablemente maior.

Faise necesaria unha ordenación nos montes galegos, de tal xeito que se analicen as especies que poden introducirse en cada lugar. A masa forestal da comunidade é moi ampla, pero é preciso regular os monocultivos e a plantación indiscriminada de determinadas especies.

En xeral, Cristina manifesta a súa preocupación tanto polo futuro do sector laboral coma por moitos outros que están relacionados coas profesións antigamente denominadas “oficios”. Aínda que son comprensibles as dificultades de traballar na serra ou no monte, é tamén certo que non todas as empresas ofrecen as mesmas condicións laborais, polo que é preciso facer unha labor de busca e comparativa. 

É preciso revisar as atribucións que, como sociedade, facemos das persoas que teñen unha ocupación relacionada co sector primario. Hai aínda moitos prexuízos e estereotipos que traballar, pero a maior parte deles sitúanse nas etapas educativas e na eterna loita entre a Universidade e a Formación profesional. Educar nos empregos e educar para comprender a importancia que o sector primario ten na sociedade é fundamental para poder ofrecer este tipo de servizos e evitar a fuxida profesional.

 

Causas do despoboamento

O emprego é un factor determinante na elección dos asentamentos, sendo necesario impulsar estratexias de consolidación de postos ou de aumento das oportunidades laborais no medio rural. Cristina pon a ollada no sector gandeiro do que vive moita xente no rural e explica a necesidade de apostar polo asesoramento e a transformación das explotacións, de tal xeito que permitan acadar unhas mellores condicións laborais, o que debera implicar unha atracción maior ó sector.

Comprendendo que cada lugar ten as súas propias particularidades é preciso facer estratexias individualizadas, tendo en conta o tecido empresarial e organizativo de cada lugar. Facer dos espazos rurais parcelas dormitorio tampouco é unha solución a longo prazo, xa que isto implicaría un menor uso dos servizos na zona de descanso en favor de aproveitalos na área de traballo.

A educación recibida, tanto na escola coma na casa, segue manifestándose coma un factor determinante en canto aos xuízos de valor que se teñen sobre as realidades rurais. Tanto Cristina coma a súa irmá foron educadas na valoración positiva da súa aldea, algo que, se ben non se fai de xeito consciente, sí se expresa de maneira inconsciente. Así mesmo, a participación dunha Asociación Cultural (A.C. Amado Lar) é un importante nexo coa comunidade, que sigue contribuíndo a que, semanalmente, diversas persoas regresen á comarca.

 

Futuro e medio rural

A análise da realidade social é positiva se establece o punto de partida vinte ou trinta anos atrás, pero isto non implica que os esforzos deixasen de ser necesarios. Son moitos os eidos nos que seguen a ser necesarias as melloras, como pode ser o relacionado coa conexión a internet. Cristina lembra que, durante a pandemia, numerosas crianzas de O Cadramón non tiveron acceso a todos os contidos académicos por ter unha deficiente conexión.

Nos plans de vida da sociedade actual entra o acceso a servizos básicos e de calidade, pero tamén a necesidade de programar o tempo de ocio. Este lecer desenvólvese, en gran medida, a través da rede, polo que non é aceptable que sigan existindo as zonas de sombra ou de escasa cobertura.

No mantemento dos servizos non se debe esquecer o papel que poden chegar a xogar as escolas unitarias. Son lugares que, na súa maioría, se atopan pechados ou que prestan un servizo moi puntual. Sería interesante a dinamización destes espazos para ofrecerlle á veciñanza un ocio de proximidade, así como para establecer puntos de acceso a internet naqueles lugares onde aínda non se recibe nos fogares.

A crise actual que están a sufrir os pequenos negocios debe ser tamén abordada dende os pequenos pobos. Advirte, Cristina, sobre a existencia dun ciclo negativo, que implica unha relación entre a baixa tendencia a mercar no pequeno comercio e a desactualización que presentan algúns negocios con estas características. Se ben pode non ser asumible económicamente para unha empresa posicionarse na web, sería de interese que, dende os concellos, se promova a visibilidade.

 

Identidade rural

O rural é, na boca desta muller, un espazo de carácter fundamental, sendo o motor insubstituíble da sociedade do presente.

Lémbralles, a todas as persoas que viven ou que queren achegarse a este tipo de espazos, que persistan na intención. Evidentemente hai circunstancias que non son sinxelas, pero iso ocorre tamén nos espazos urbanos. Os discursos negativos deixaron xa de ser de utilidade e tampouco son xa capaces de definir as realidades das persoas, polo que é necesario que cada quen se atreva a posuír aquel modelo de vida que desexa.

Quizais un dos un dos feitos que mellor pode expresar quen é Cristina Fernández é que, despois de moitos anos sen vivir constantemente no Cadramón, aínda non fixo o cambio de poboación no  seu D.N.I. A pesar de que recoñece que a súa vida diaria está noutro pobo sabe perfectamente que o seu lugar segue sendo ese no que se criou dende nena, e iso dálle a capacidade de poder estar presente na Mariña aínda que habite a Terra Chá.