Quen é Iria Castro?

Iria Castro (1989) é de Lugo cidade pero o seu pai e súa nai naceron en Castroverde.  Medrou nun entorno urbano pero sempre tivo moita conexión coa súa aldea (Tordea) xa que todas as fins de semana ían a ver aos avós e aos tíos tanto maternos como paternos.  Iria,  Tradutora de profesión,  crea o medio rural a partir do activismo, algo que é crucial;  ela lembra a importancia non só de soñar senón tamén de pelexar polo futuro que se quere.

 

RL

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Ao remate dos seus estudos en Lugo marchou a Vigo a estudar Tradución e Interpretación, e nese momento afastouse é un pouquiño da súa comunidade rural,  en parte tamén debido ás dificultades de desprazamento para viaxar entre provincias. Fixo un Erasmus en Polonia, logo volveu a Vigo e rematou a carreira, e posteriormente volveu viaxar ao país para facer un Erasmus plus en Polonia.

Despois daquela experiencia, e xa cos estudios rematados, viaxou a Suíza, onde traballou durante unha tempada. Posteriormente regresou a Vigo e fixo un mestrado en Comercio Internacional. Finalizada esta etapa regresou puntualmente a Suíza pero deuse conta que as súas expectativas a longo prazo non eran permanecer alí, así que empaquetou todos os anos fóra e volveu a Tórdea (Castroverde) no ano 2015. Naquel momento seus pais tamén regresaron a o medio rural xa que ata aquel momento estrábano habitando de xeito itinerante.

Probablemente naqueles primeiros planes non encaixaba regresar ao  seu pobo e recoñece que aquela decisión non estivo baleira de dificultades. Se ben nunca barallou regresar á cidade lucense, sempre tivo claro que se habitaba provincia sería para facelo no medio rural. 

 

RL

 

Retorno ao rural e emprendemento: Totem Translations

Cando Iria regresou a Tórdea tiña claro que o seu obxectivo era traballar como tradutora.  Xa antes de marchar a Suíza dérase de alta en Galicia como autónoma para poder facer pequenas colaboracións e traballos. Na súa profesión é máis habitual traballar de xeito on-line que traballar de xeito presencial ou en equipo.

Os proxectos de tradución foron aparecendo aos poucos e foinos combinado coa docencia de idiomas a crianzas, achegándose para isto último tanto a localidades rurais coma á cidade. Púxolle nome á súa empresa ao pouco de comezar a traballar, sobre todo para favorecer a posición na web e nas redes sociais.

Hoxe en día xa non imparte clases e dedícase de xeito exclusivo á tradución. As linguas principais de traballo desta tradutora son o inglés, o portugués, o castelán e o galego,  e ademais é tamén Tradutora e Intérprete Xurada de inglés-galego. Nos últimos dous anos estívose especializando máis en localización de software,  traballando notablemente en tradución ao galego de material de empresas como Canon ou Microsoft. Na súa práctica profesional está notando que o volume de traducións en galego está comezando a medrar, chegando a ocupar o 90% das súas traducións nos últimos dous anos.

Por soñar, Iria traduciría literatura infantil ao galego,  aínda que recoñece que abrir ese campo suporía unha importante transformación profesional.

 

Vivenda e medio rural

Iria fala sobre a problemática da vivenda dende o segundo andar da súa casa familiar. Os sentimentos que ela transmite son  fáciles de compartir por calquera persoa moza que se atope en idade de independizarse. Hai unha importante necesidade de emancipación residencial entre a mocidade pero tamén existen dificultades, como pode ser o incremento dos prezos das residencias.

O mercado inmobiliario do medio rural presenta unha estrutura moi ríxida cunha oferta de vivendas moi limitada no que á venda se refire e é aínda máis limitada aínda se se fala de aluguer. A consecuencia desta situación é que moita xente nova escolle municipios de maior tamaño que as aldeas ou opta directamente por emigrar ás cidades, aínda cando fose viable levar a cabo unha actividade laboral no medio rural. Algo curioso que está a ocorrer ten que ver coa resistencia dos propietarios de vivendas non utilizadas poñelas a disposición de moradores, o que leva ás construcións a permanecer nunha completa pausa.

Iria atópase con que non hai ningunha casa en aluguer nun entorno similar ao que pode ser Tórdea, xa que todas as residencias dispoñibles estarían na vila de Castroverde. Este xa é un modelo de vida completamente diferente que, seguramente, implicaría habitar un piso dalgún bloque de edificios. Esta dificultade para acceder a un lugar que habitar incide de xeito notable na motivación persoal para habitar o medio rural,  levando incluso a que as persoas desenvolvan sentimentos negativos cara o mesmo por sentirse excluídas. Segundo Castro considera que sería preciso establecer un equilibrio entre o valor sentimental que teñen as construcións e o valor real de mercado que estas presentan. Os desequilibrios de valor tanto por exceso como por defecto están a perxudicar de xeito notable a apertura das portas de novos fogares.

Castro analiza a situación dende a política local e considera que habería un traballo esencial que se podería facer desde os concellos que consistiría en facer un banco de vivendas dispoñibles para ser habitadas. Así mesmo serían interesantes os incentivos económicos para que as persoas propietarias arrenden ou vendan, ofrecéndolles a estas seguridades no proceso.

 

Muller e participación social

Iria non considera que o medio rural sexa máis machista que o medio urbano, aínda que sí haxa unha importante masculinización do lugar. En xeral, ser muller e participar en política local é complexo tanto no medio rural como no medio urbano. 

Castro, que é cabeza de lista do BNG en Castroverde nesta última lexislatura, atopouse con rexeitamentos debidos a diferentes cuestións. A primeira delas pasaba pola súa idade:  téñenlle comentado que una muller tan nova non ía ser coñecida entre a comunidade e que por tanto sería imposible que saíse escollida como alcaldesa. Outro dos rexeitamentos que experimentou estaba relacionado co feito de non ser gandeira,  xa que isto lle outorgaría un determinado peso na sociedade.

Doutra banda Iria sempre foi unha muller que participou na actividade social de Castroverde.  É integrante da asociación “A chave das noces”, e recoñece que as actividades que se propuxeron dende este colectivo foron moi importantes de cara á revitalización da vida no concello. Aínda que ela é defensora da implicación das administracións na dinamización da cultura local recoñece que a poboación ten un importante papel en canto a organización para crear tamén oferta cultural.

 

Servizos e medio rural

É imposible comprender a realidade do mundo actual se non se ten en conta a conexión a internet. Aínda que o acceso á rede nas áreas rurais está mellorando (como evidencia a enquisa sobre Equipamiento e Uso de Tecnoloxías de Información e Comunicación nos Fogares; INE, 2017),  seguen existindo importantes diferenzas respecto a calidade deste servizo nas áreas urbanas. Esta realidade dixital non pode ser un factor que limite o desenvolvemento e a permanencia de xuventude nas aldeas.

Castro recoñece a importancia das axudas da administración para achegar este tipo de servizo a todos os fogares e lembra unha actuación da Deputación de Lugo que levaba a conexión a través de servizo de antena. Segue habendo, en Castroverde, lugares de sombra de cobertura o cal non só implica que non se poida acceder a internet senón que tampouco se poderá avisar en caso de accidente. Outras das cuestións a mellorar ten que ver co servizo de luz; son frecuentes os cortes pequenos de menos de 10 minutos que dificultan certas actividades profesionais no caso de non contar con xeradores.  Precísase facer presión institucional dende os propios Concellos cara as empresas eléctricas e da internet para reformar o tecido evitar o illamento das persoas que habitan no rural. A solución a esta situación non poden ser as saídas privatizadas que pasen por obrigar a cada unidade familiar a ter aparellos ou maquinaria para soster un servizo que debería ser de carácter público.

O sistema de transporte público é tamén algo que preocupa xa que os percorridos que se fan non chegan a todos os lugares nin tampouco presenta horarios adaptados aos usuarios. A preocupación xa non só é a conexión dun  municipio (como pode ser Castroverde) coa cidade máis próxima, senón que se trata de conectar as propias aldeas do municipio coa vila. Unha das medidas que Iria levaba no programa electoral tiña que ver co establecemento dalgún tipo de liña de transporte ou de servizo de taxi a demanda para que as persoas que o precisasen puidesen desprazarse. Esta dependencia dos vehículos ou automobilidade pode ser entendida como un factor de vulnerabilidade para diferentes grupos do medio rural de non tomar medidas que favorezan a xestión da situación. Recoñece que para as persoas novas isto pode non ser tan preocupante xa que a maior parte delas contan con vehículo propio e carnet de conducir. A capacidade para desprazarse desenvolve un papel clave no vínculo que se establece coa realidade rural, sobre todo se se fala de xente moza ou de mulleres.

 

Educación e rural

Castroverde é un deses concellos que non conta con educación de os 3 aos 18 anos, xa que ao rematar a Educación Secundaria Obrigatoria as persoas deben saír da comunidade para continuar co seu futuro laboral. Lugo aparece como a oportunidade máis habitual para realizar o Bacharelato, sendo factible que as persoas vaian e veñan tódolos días a este núcleo. Doutra banda cabe sinalar que o número reducido de alumnado ten tamén cousas positivas:  o feito de que os grupos non sexan moi numerosos permite ofrecer unha atención máis individualizada tanto ao alumno coma á familia.

Evidentemente, establecer criterios de rendibilidade para prestar os servizos educativos e sanitarios prexudica de xeito grave ao medio rural. Non se pode xustificar a ausencia de etapas educativas en base a falta de persoas; débese comprender que o ciclo tamén funciona ao revés:  haberá persoas sempre e cando teñan servizos para permanecer.

É necesario coidar os discursos que se transmiten dende os fogares xa que van configurando unha mochila de aprendizaxes que as persoas despois aplican a unha realidade concreta. Hai que fomentar que aquelas persoas que se queiran quedar o fagan e que, ademais, compartan a súa realidade coa comunidade, para rachar coas dinámicas negativas.

 

Conciliación e medio rural

A conciliación non só se refire a facelo con crianzas senón que tamén implica ás persoas maiores,  aínda que Iria sostén que este problema non é único do medio rural, xa que se estende tamén ao medio urbano; as nosas sociedades aínda non están preparadas para afrontar os coidados.

Castroverde conta cun programa de madrugadores dentro do colexio e tamén con Casas Niño para atender a crianzas de 0 a 3 anos. O problema principal deste último modelo é que son as persoas que posúen as casas niño as que poñen o seu horario de traballo, o cal pode implicar que certas familias non poidan acceder ao servizo. Sería necesario que dende os concellos se estableza unha coordinación do servizo de casas niño, así como fomentar un servizo municipal de actividades extraescolares.

 

Identidade rural

Iria definiría primeiramente o medio rural tendo en conta contorna, a paisaxe e as cores. Significou sempre na súa vida un espazo de liberdade e de posibilidades para desenvolverse e para crear, tanto a nivel persoal como social. Non ve límites en Castroverde pero tampouco en ningún outro concello rural da provincia de Lugo. Se puidese importar a algo dos núcleos urbanos seguramente sería  máis ocio variado;  apostaría por una cultura que se saíse do habitual e que apostase pola diversidade.

Lembra tamén que é importante cuestionarse cómo se regresa a un lugar rural:  é diferente chegar con mentalidade de facer vínculo de chegar para habitar soamente dentro das paredes da casa. Facer comunidade é moito máis que habitar a construción:  implica  facer uso dos servizos do pobo, tecer redes coa veciñanza ou participar das actividades cotiás.