Quen é María Varela?

María Varela é copropietaria da casa rural A Parada das Bestas. Namorada do seu establecemento,  que xa está a piques de cumprir os vinte e cinco  anos, loita por un medio rural que crea no asociacionismo e no traballo conxunto entre todas as persoas que fan vida ao longo da provincia.

 

MV

 

Primeiros pasos profesionais e estudos de capacitación

Nada en Palas de Rei no ano 1968, sempre coñeceu a aldea na que hoxe se sitúa A Parada das Bestas aínda que non vivía nese lugar. O río que estaba preto do negocio era un punto de encontro na súa xuventude, e ela pasaba habitualmente por una casa non habitada que anos despois sería o seu  proxecto de vida.

Estudou en Lugo e posteriormente mudouse a Santiago de Compostela para estudar Económicas. O salto vital máis grande que recorda foi o que deu cando pasou de vivir en Palas de Rei para vivir en Lugo debido a que estaba acostumada a unha educación máis individual e personalizada. Na cidade, María estaba nun colexio onde comía e durmía (xa que a súa familia continuaba en Palas). As fins de semana eran tempo de regreso á casa, pero non cree que ese fose o elemento determinante para ter escollido o modelo de vida que defende.

 

Volta ao rural e emprendemento: A Parada das Bestas

Despois de rematar a súa formación universitaria, Suso (o seu compañeiro) acababa de mercar unha casa en Pidre (Palas de Rei). Esta pequena aldea situada a 8 quilómetros de Palas e ao pé do Camiño Francés, ofrecía a posibilidade de facer vida nun lugar que xa era coñecido. A pesar da gana e a motivación era preciso idear algún tipo de negocio que permitise a vida de dúas persoas mozas.

A primeira idea foi crear un lugar onde se puidesen dar paseos a cabalo, xa que era un tipo de actividade que tiña moita demanda. Non existía nada semellante na contorna e o terreo prestábase moito para que puidesen desfrutar da actividade tanto as crianzas coma as persoas adultas. Non obstante era de carácter moi estacional, polo que non acababa de satisfacer completamente as necesidades económicas. A casa, pola súa banda, era tan grande que ofrecía moitas posibilidades para diversificar a actividade. Así foi como apareceu o turismo rural como proxecto de vida: a idea era abrir aloxamentos e restauración.

María recorda que, naquel momento, a persoa que iniciaba este tipo de negocios xa contaba cunha certa estabilidade de vida, ou incluso cun percorrido laboral e vital. Ante a dificultade de ser avalada por entidades bancarias,  a parella, que tiña menos de 25 anos, atopou a maneira de conseguir axudas e incentivos para comezar o proxecto a través dunha sociedade de garantía recíproca.

As familias de ambos opinaban que era unha aposta de claro risco, xa que a inversión era grande pero tamén implicaba un importante cambio no estilo de vida. Asemade mostraban preocupación porque se invertese todo aquilo nun pequeno núcleo rural, tendo preferencia porque iniciasen a actividade nalgún outro lugar que ofrecese máis garantías. Non se pode esquecer que A Parada foi unha das pioneiras na actividade turística da zona, polo que tampouco había experiencias das que facer patrón.

Pese á incerteza, abrir sempre foi un obxectivo claro, de tal xeito que no ano 97 comezaron a ofrecer os seus servizos ao público. Aquel principio foi duro debido aos importantes desfases de orzamento que acompañaron a reforma, o que implicou que fosen os propios donos quen tivesen que ocuparse de todas as actividades relacionadas co establecemento, dende a limpeza ata a elaboración de menús.

 

MV

 

Naquel início as amizades foron un importante punto de apoio xa que foron o sustento do proxecto naqueles momentos nos que as persoas do exterior aínda non se achegaban. A acollida foi moi positiva entre xente da contorna, que sempre prestou a súa axuda tanto física como de coñecemento;  moitas das receitas que hoxe se poden probar na Parada naceron de explicación que as veciñas lle deron a María.

 

Turismo e medio rural

Este negocio tivo o Camiño de Santiago como cliente fundamental, xa que permitía cubrir case por completo a tempada que vai dende marzo a novembro. Tratando de superar o desafío que supón o descenso de camiñantes na época de inverno, contactaron con axencias estranxeiras de viaxes que lles permitisen planificar e xestionar a axenda incluso con meses de anticipación.

Despois da pandemia todo se transformou: o Camiño deixou de ser o elemento principal do negocio para deixarlle oco ao turismo rural de proximidade. María non considera que antes deste feito se ignorase ao turista da contorna, pero sí cree que houbo un estalido das vías de peregrinación que levaron aos hostaleiros a enfocarse máis nun modelo de turismo que se baseaba moito na restauración e no descanso.

En canto ás deficiencias que esta hostaleira detecta, a máis evidente está relacionada co traballo en comunidade. Considera que existen dificultades neste eido, e que estas están relacionadas con que algúns dos establecementos son un complemento a outras actividades profesionais. Nesta realidade é suficiente con cubrir os momentos de pico, algo que non ocorre cando o turismo pasa a ser a actividade principal ou a única. Se ben existiron moitos proxectos de dinamización turística (tanto achegados dende o sector primario coma dende a administración), ningún deles conseguiu asentarse no territorio modificando de xeito significativo os modos de colaboración. Analizando o funcionamento do sector noutras Comunidades Autónomas (Asturias e Cantabria) obsérvase unha maneira diferente de facer ocio e tempo libre, o cal permite crear novos panoramas neste eido laboral.

Como sociedade atopámonos nun momento positivo, onde é posible reivindicar os valores tanto naturais como culturais, pero para isto será imprescindible que o sector traballe en conxunto. Todo parece indicar que a crise da Covid-19 motivou a participación en viaxes que teñen como principal oferta as actividades e as experiencias na natureza. Agora trátase de continuar mantendo ese estilo de viaxe entre a comunidade.

 

Relevo xeracional

Aínda que o presente de A Parada das Bestas é positivo, o futuro presenta dúbidas. O relevo xeracional pode estar ou non presente nos días que virán, polo que tanto María coma Suso están comezando a imaxinar posibilidades para o negocio. Dende a venda ata outro tipo de acordos, pregúntanse cómo cubrir toda a inversión humana e económica que se fixo no lugar.

 

MV

 

A perda de negocios nos pobos tradúcese na perda de poboación e, por tanto (e aínda que non debese ser así) no detrimento dos servizos. Por este motivo é especialmente relevante atopar continuidade para as actividades económicas, xa non só polos propios negocios coma por toda a poboación. Algunhas das actuacións que sería preciso impulsar estarían relacionadas co intercambio de información entre aquelas persoas que teñen intención de traspasar ou vender os seus establecementos e aquelas outras que buscan iniciarse no mercado. Aínda que non sexa o caso de A Parada, hai ocasións nas que son os propietarios os que rexeitan traspasar, polo que se fai necesario traballar coas persoas para fomentar a comprensión da importancia dos relevos. A formación é tamén fundamental para poder continuar calquera actividade no medio, por isto é especialmente relevante que se continúe ofrecendo coñecemento á xente que está apostando pola vida nas comarcas da provincia.

 

Muller e emprego

María (Chef de A Parada) realiza unha ocupación de tradición masculina, aínda que os chefs sempre teñan de referencia ás nais ou ás avoas. Lembra que as mulleres deben comprender que non poden nin deben chegar a todos os ámbitos que as rodean, polo que se fai imprescindible reducir a carga mental dos diversos sistemas organizativos (familiar, social ou laboral) dos que se senten responsables.

Tal e como recolle o estudo de Sampedro e Camarero (2007)  una gran parte das inversións que realizan as mulleres no medio rural está relacionada co sector do turismo,  sendo unha alternativa para a inserción feminina dentro da economía rural. Como indicou Carmen Quintanilla, presidenta nacional de AFAMMER (Confederación de Federacións e Asociacións de Familias e Mulleres do Medio Rural) o 56,5 por cento dos aloxamentos rurais en España están en mans de mulleres.

Identidade rural

O medio rural para María é un lugar no que se pode desconectar y conectar, xa soamente de xeito visual.  Ela sinala que os puntos fortes do mesmo pasan, sobre todo, pola riqueza paisaxística e natural. As debilidades van asociadas á falta de poboación, pero poden impulsarse diversas medidas para facerlle fronte.

O medio rural é necesario para o futuro, polo que será preciso revisar a sostibilidade de grandes urbes dentro do modelo que ha de vir; contra a idea da “España baleirada” débese analizar esa “España masificada” na que se concentra o 97% da poboación nun escaso 3% do territorio.