Quen é Mª Carmen Sánchez Iravedra?

Ela cree que non é nin referente nin modelo, porque ve que hai moitas outras mulleres que se sitúan preto dela que están a dinamizar o presente do medio rural. Sen embargo, Mª Carmen é emprendedora, loitadora, optimista e tecedora de redes entre persoas. Habitante de Navia de Suarna e emprendedora no sector dos embutidos, semella que os anos lle corresen en contra pola vitalidade que mostra.

 

RL

 

Estudos e primeiros pasos profesionais

Nada en Baralla (1964), criouse nun bar-restaurante, e lembra con graza que xa naceu traballando, aínda que iso non lle impediu ter unha infancia repleta de lembranzas de cores.   Estudou no pobo ata que tivo que moverse a Becerreá para poder cursar 1º de BUP. Daquela nin sequera existía o edificio que hoxe en día acolle os estudantes da comarca, polo que as clases se impartían nunha casa particular para un total de 30 estudantes. Rematada aquela etapa, moveuse a Lugo para estudar Veterinaria, titulación que tamén se inaugurou (como pasou co Instituto) coa promoción da que ela formaría parte. Estudou ata 3º de Veterinaria, xa que naquel momento decidiu casar co seu compañeiro. Aquela decisión levouna a Navia de Suarna, onde a súa parella tiña unha tenda familiar de alimentación. Hoxe pregúntase qué tería pasado de rematar unha carreira que a apaixoaba, pero tampouco se arrepinte da vida que escolleu, comprendendo que tamén foi froito dun determinado momento social.

Navia de Suarna era un territorio descoñecido para ela, a pesar de que a distancia non era tanta co seu pobo natal. O cambio que experimentou foi forte: pasaba de ter unha vida de estudante e de vivir nunha cidade a habitar un pobo no que era habitual non saír en meses. Tivo primeiro unha filla e logo dous mellizos: unha nena e un neno. Hoxe cree que un dos mellores recordos da súa vida son os seus fillos, e aínda falando deles coma persoas adultas inúndaselle o discurso de emocións.

A familia do compañeiro de Mª Carmen inaugurou o supermercado cando ela chegou ao pobo. Naquel momento había moita máis poboación estable á que se sumaba aquela xente que se achegaba a pasar o verán.

 

Nova etapa laboral: Embutidos Suarna

O primeiro ano que se celebrou a Festa da Androlla en Navia de Suarna, o produto soamente figuraba no nome da festividade, motivo polo que Mª Carmen decidiu elaborar unha pequena serie de embutidos para a segunda celebración. Recorda que xa antes do día da feira, cando as colgaran na tenda, a xente xa reclamaba a compra. Ao terceiro ano volveron facer unha remesa maior de androllas, coa dificultade que aquilo implicaba, xa que toda a produción era a man. Naquel momento solicitaron unha axuda económica ao plan Leader pero coa idea de traballar o embutido de maneira puntual. O feito de que pedise moito produto dende Barcelona e que fose algo descoñecido, fixo que se disparase a produción. Na zona dos Ancares é moito máis popular o botelo, mentres que este tipo de embutido é máis propio de Navia de Suarna.

 

RL

 

Naquel principio picaban a costela, adobaban e embutían a man, algo que cambiou coa introdución das innovacións da fábrica. Foron diversificando e fixeron tamén chourizo, linguas adobadas e comezaron co porco celta. Non obstante, o devir do negocio foi facendo que se centraran nalgún produto máis ca noutro, sendo hoxe o produtos estrela o chourizo, a androlla e o lombo embuchado de porco.

Embutidos Suarna está presente en grandes superficies e en tendas pequenas, e segue con perspectiva de futuro, xa que se busca chegar cada vez a máis consumidores. Aínda que hai certos produtos que se asocian a un momento concreto (como pode ser a androlla para comela no entroido), o negocio tamén pretende desestacionalizarse.

Unha nova meta profesional está relacionada coa participación de Embutidos Suarna na plataforma Son de Lugo, un medio de comercialización online de firmas de toda a provincia. Esta iniciativa (apoiada pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo) busca, como sinalou Mónica Freire, o recoñecemento do valor e da calidade como medio para asegurar unha vida digna no rural. Unha solución que chegou a raíz da crise orixinada pola Covid-19, que habería de afundir os prezos, deixando aos pequenos produtores nunha situación incerta. Como afirma o xerente da iniciativa, Román Sánchez, o sentido de Son de Lugo é a importancia que se lle dá á persoa que habita o medio rural. Por iso, baixo a firma, se aglutinan persoas que se afincan no territorio e que defenden (cos seus feitos e co seu discurso) que o rural ten moita vida e moito futuro.

 

RL

 

 

Conciliación

A calidade da educación que percibe Mª Carmen sobre o medio rural é altísima, pero recoñece que hai unha importante eiva neste servizo: a necesidade de marchar a unha cidade con 16 anos para continuar os estudos. Moitas das nais coas que esta muller compartiu promoción educativa das crianzas marcharon do medio rural á vez que o fixeron os fillos. Ata esa idade, en Navia de Suarna a crianza ten as mesmas particularidades que en calquera outro lugar do mundo. Hai servizo de comedor, transporte e de actividades extraescolares, e estes servizos compleméntanse cos que se poden atopar, a menos de media hora, en Becerreá.

 

Poboación e medio rural

Se ben o medio rural está a sufrir unha transformación evidente de poboación, en Navia probablemente se note máis ca noutros lugares a entrada de perfís “neorrurais”. Óliver Laxe, Alisa Smirnova, Pavel Yakushev, Pedro Álvarez ou Pascal Encinga son nomes que comezan a engrosar unha listaxe de xente que decidiu afincarse no rural naviego. Segundo o estudo A poboación rural de España: dos desequilibrios á sostibilidade social (2009), este tipo de poboación adoita achegarse ao rural con parella pero sen crianzas, seguindo unha estratexia residencial-familiar que se fai posible grazas ao cambio de concepción social do territorio.

Mª Carmen indica a importancia do asentamento das familias nas localidades rurais, xa que diso se derivará toda unha cadea de servizos. Para ela é clave o discurso institucional que se fai sobre as localidades de menos de 5.000 hab., sendo preciso que se validen todas as maneiras de vivir e que non se antepoñan unhas a outras. Mostrar a realidade implica falar dun rural actualizado, cunha rede de servizos e de oportunidades. E a este último respecto, o emprego conxúgase coma un importante catalizador da permanencia da poboación, algo que ocorre en calquera lugar do mundo. Unha das vantaxes evidentes que ofrecen as grandes cidades está relacionada coa ampla oferta existente de empregos. Máis no rural quizais existe a falsa crenza da falta de oportunidades, xa que as necesidades de traballadores non inundan os principais portais web. Se se fala de estratexias que loiten contra os lugares baleiros será preciso, entón, crear plans que fomenten a incorporación e a toma de contacto con sectores diversos, non soamente pertencentes a actividades primarias. O autoemprego será tamén preciso dinamizalo e potencialo, e incluso ofrecer plans individualizados de asesoramento que permitan facer unha correcta análise do mercado local e comarcal.

 

Novas tendencias de poboación no medio rural

A diferencia de poboación é evidente en Navia de Suarna. Esta naviega, que rexentaba un negocio do sector terciario, atopa un cambio na vida da vila. Nos anos 90, a principios de mes, era frecuente ver cómo chegaban coches cargados de xente para facer trámites e xestións. A presenza anterior de xente autóctona mudou para favorecer a entrada de turistas que xeralmente proveñen de fóra dos Ancares.

Este cambio percíbese na realidade da tenda. Nese contacto que este tipo de locais adoitan ter coa comunidade, antes había unha labor social máis grande (recibir cartas, gardar paquetes,...) que hoxe mudou cara a información turística. No supermercado Suarna véndese moito embutido, pero tamén se conta a historia do pobo e dos lugares que o rodean.

 

Transformación rural

A Navia de Suarna que Mª Carmen comezou a habitar con menos de 25 anos dista moito da de hoxe en día. Soamente se se analiza dende o punto de vista das comunicacións, no ano 90 non se consideraba saír do pobo se non era para un motivo altamente xustificado, como podía ser a asistencia a unha cita médica. Esas estradas de montaña eran ben diferentes das actuais, polo que os desprazamentos tamén se adoitaban facer en compañía, o cal condicionaba de xeito notable a autonomía.

A normalización do uso de internet entra persoas de cada vez máis idade está a crear novas oportunidades contra a despoboación. O feito de poder establecer negocios que sexan prósperos (tanto se se sitúan na realidade tanxible coma no mundo virtual) contribúe tanto á preservación doutros oficios e servizos, coma do patrimonio material e inmaterial. Este novo cambio social, que abre as portas do teletraballo e da formación en rede, posibilita novos modos de vida e novos xeitos de relacionarse co lugar a nivel social, económico e laboral. 

 

Ocio e cultura no rural

Unha muller que vive no medio rural dedícalle unha media de 13 horas semanais á vida social, a cal se entende como as relacións establecidas entre persoas de outros fogares, veciños, participación voluntaria en entidades ou asociacións. Os homes soben esa media en catro horas máis que as mulleres, sobre todo aqueles que se atopan entre as idades de 20 a 34 anos. Aínda que Mª Carmen non participa en ningunha asociación cultural, o porcentaxe de poboación que forma parte destas actividades sitúase no 10%, sendo paritario nas de carácter social, cultural ou relixioso e claramente máis masculinizado nas de corte político ou profesional.

 

Identidade rural

“O pobo” é sinónimo de ter un lugar ao que acudir. Implica toda unha serie de recursos que poden ser aproveitados dende diferentes puntos de vista. Poñendo o foco nas crianzas, Mª Carmen considera que o medio rural é un lugar onde se potencia a atención individualizada, tanto nas escolas coma no resto da comunidade. Sinala que hai familias que observan este feito e que, deliberadamente, deciden moverse a cidades para traballar e escolarizar os pícaros no rural.

Os pobos fanse tamén no imaxinario das persoas que creen neles. Mª Carmen (aínda que despois de coñecela, xa se lle pode chamar Mari, como fai todo o mundo) cree na forza que o pasado ten para dinamizar o presente e o futuro da vila. A ferraxería, a xastrería ou a taberna son negocios que quedaron parados no tempo e que rodean a realidade naviega. Cando se lle abre a porta deses locais ao visitante (tanto autóctono coma foráneo) ábrense moitas máis cousas no interior da persoa. As emocións estouran cando se observan as zocas ou as cardas da lá colgadas dos estantes da ferraxería, enchoupadas tanto de historia coma de porvir. E así, esa forte identidade que ten o lugar é capaz de conquistar a calquera, e case obriga a permanecer para continuala.