Quen é Marisol Pereira?

Marisol naceu en Torés (As Nogais), e foi unha das últimas promocións da escola unitaria da parroquia. Posteriormente trasladouse a As Nogais, o cal lembra como máis difícil para as familias que para os propios nenos. É hosteleira de vocación e habitante da montaña por corazón.

 

Estudos de capacitación profesional e primeiros pasos profesionais

Cando rematou os seus estudos en Becerreá, especializouse en Análise Clínico de Laboratorio (Sarria), e posteriormente tamén como Auxiliar de Enfermería. Os seus veráns pasaban traballando nun bar en O Poio (Pedrafita do Cebreiro), ata que rematados os estudos lle ofreceron incorporarse a traballar nunha residencia da terceira idade. Non chegou a aceptar aquela oportunidade, pero sí que lle serviu para darse conta de que o sector no que ela quería traballar. A apertura do Mesón O Tear chegou, quince anos atrás, case coma algo azaroso, e primeiramente pensado máis a curto que a longo prazo. Marisol tiña vinte e tres anos cando decidiu embarcarse nesta nova etapa comprendendo que, a única opción para comprender a viabilidade do negocio era intentar desenvolvelo. Ela alugou un mesón que xa estaba en funcionamento pero, naquel momento, era viable abrir un negocio de novo case en calquera lugar debido a que aínda non había tanta afluencia de servizos na vía de peregrinación. Hoxe en día, considera, a situación é diferente debido a que hai máis alternativas, aínda que non descendera o volume de xente.

 

Marisol Pereira

 

No Mesón O Tear traballaron sempre (até a chegada da Covid-19) unha cociñeira, unha camareira e a propia Marisol, e de xeito puntual apoia tamén Judith, a irmá da dona. A crise orixinada por esta situación sanitaria foi un punto de inflexión nun negocio coma este. Cuantifica, Marisol, nun oitenta por cento as perdas ocasionadas pola falta de afluencia do Camiño de Santiago. Non obstante ela tamén focaliza no vinte por cento restante, que recaeu case completamente na xente da zona que, tendo en conta as restricións sanitarias, continuou facendo uso dos servizos da restauración. A época forte do sector turístico en Hospital da Condesa (Pedrafita do Cebreiro) está centrada no verán; a chegada do inverno, que se marca cedo no almanaque, implica un desenso moi brusco da afluencia de camiñantes.

Quizais o motivo polo que Marisol rexeitou aquela oferta de emprego primeira se comprenda mellor cando ela fala do seu día a día no seu negocio. Para ela, as persoas que pasan por O Tear non son simplemente clientes. Ela defende unha perspectiva familiar, na que hai tamén tempo para compartir experiencias de vida e tempo de descanso a carón da lareira. Aínda que ela non sexa peregrina, case semella que faga o camiño todos os días debido a todas as anécdotas que ten gardadas.

 

Muller e rural

Marisol subliña a importancia que ten para o medio rural a presenza da muller. Defende que se debe visibilizar o traballo que realiza e tamén poñelo en valor, así como fomentar a súa presenza en todas as esferas. Pese a que as mulleres parecen recoñecer que o feito de vivir no medio urbano as achega máis a servizos e recursos (véxanse os ligados á conciliación), hai unha serie de indicadores que se relacionan coa calidade de vida que tamén elas valoran positivamente no rural: tranquilidade, sentimento de apego, presenza da comunidade ou beleza da contorna.

Considera esta hostaleira que tamén se está a asistir a un cambio (progresivo e, ás veces, algo lento) nos estereotipos de xénero entre as últimas xeracións. A educación que se recibe no rural (provinte da escola) está actualizada na necesidade de traballar a igualdade e a coeducación, o cal ten unha repercusión non só nas crianzas senón tamén no sistema familiar.

 

Sector turístico e medio rural

Un dos puntos fortes que albisca Marisol no seu negocio pasaría pola creación ou potenciación dunha marca (marca Ancares) que coide e ampare aquilo que se fai dende o territorio. As cuestións positivas que se asocian á vida no medio rural, e que unha gran parte da poboación autóctona recoñece, deberían ser recollidas tamén dende un punto de vista turístico. Neste intento de crear un sector poliédrico, sería de interese potenciar o turismo diverxente que non só acolla á persoa que peregrina a Santiago senón moitos outros perfís.

Outra cuestión que é tamén esencial neste eido ten que ver co servizo de Internet. Aínda hoxe, na zona que se está a sinalar, sigue habendo inestabilidade na conexión en función das condicións climatolóxicas, o cal dificulta tanto dar o servizo como desfrutalo.

Dende outro punto de vista, é conveniente tamén pensar no sector terciario e difundir a realidade das persoas que traballan no mesmo. O medio rural é sector primario pero non só; hai moitas outras opcións laborais. Recorda, Marisol, o exemplo de O Courel, territorio co que ten moito apego debido á proximidade xeográfica. Son numerosas e diversas as persoas que están a emprender en produto ecolóxico, en repostería ou en artesanía. Trátanse de iniciativas que revolucionan o presente do rural coidando da contorna de xeitos diferentes, e que están a ter tamén cabida tanto entre a comunidade como fóra da mesma. A innovación, definitivamente, configúrase como unha competencia esencial na sociedade do presente, e por suposto tamén na sociedade do medio rural.

Neste coñecemento de outras realidades laborais é tamén imprescindible a difusión que se fai dende os concellos. Por continuar co exemplo de O Courel, de xeito periódico sácase a sorteo unha cesta con produtos feitos en diversas empresas, o que permite que o territorio viaxe pola rede e se dea a coñecer dun xeito lúdico. Do que se trata é de diversificar a economía na contorna contando con esferas que teñan en conta outras opcións, como poden ser o turismo rural, a recuperación das tradicións ou o cultivo de novos produtos.

 

Cultura e medio rural

O Camiño de Santiago ten futuro e terás sempre, considera Marisol. A chegada de novos camiños ou rutas alternativas ao Camiño Francés é entendida, por esta hosteleira, coma algo positivo, xa que os servizos existentes non están preparados para a masificación. O que ela observa é que o Camiño (sexa a ruta que sexa) non é algo que apareza de xeito puntual na vida dunha persoa; é moita a xente que, ano tras ano, volve camiñar de novo ata Compostela.

 

Despoboamento e medio rural

Marisol viaxa mentalmente ata O Cebreiro e chega ata Triacastela para exemplificar que esa zona rural e de portos de montaña se viu especialmente favorecida pola presenza do Camiño. Son moitas as persoas que dependen do sector hosteleiro pero tamén é importante a influencia que ten a apertura ao turismo para a comunidade. Por poñer un exemplo, as persoas que venden produtos con denominación (queixos, derivados das castañas ou carnes) atopan unha canle de distribución a través tanto da venda directa (fundamentalmente en Santiago de Compostela) coma dos menús diarios ofrecidos nos establecementos. Por este motivo é esencial o traballo en rede; a comprensión de que as diversas alternativas se poden beneficiar entre elas nutre en gran medida o mercado laboral da comarca. Por outra banda, a esixencia de acondicionamento de vías ou camiños ou o coidado da paisaxe é algo que involucra a toda a sociedade e repercute un beneficio tamén na mesma, non só naquela persoa que vén de fóra.

Non obstante, Marisol recoñece a estreita dependencia do vehículo que ela ten para poder abastecer o seu local. Precisa desprazarse ata Lugo para poder planificar os menús semanais, algo que vería máis sinxelo de facer dende un núcleo urbano. Por este motivo indica que existe unha vía a explorar no fomento dos mercados locais de calidade e de alimentos de proximidade.

 

Marisol Pereira

 

En xeral, o turismo asociado a este tipo de actividade pode ser un factor que facilite o asentamento de poboación en lugares rurais. Foron diversas as persoas que, deliberadamente, escolleron emprender neste campo e asentar a súa vida en núcleos máis pequenos, a pesar de contar tamén con oportunidades na cidade. Neste sentido revélase crucial coidar dos servizos básicos para que, unha vez máis, aquelas persoas que deciden emprender poidan contar con apoios.

 

Identidade rural

Marisol valora en gran medida a calidade de vida que ten por vivir e traballar en Hospital. Este sentimento de apego e identificación tanto co territorio coma co seu traballo contribúe a que ela desenvolva unha identidade positiva. Isto lévaa a recomendarlle a calquera persoa nova que intente vivir naquel lugar que realmente lle gusta, apartando os medos que poden provir de outros discursos. Esta muller recorda que a identidade de “muller rural” é algo que tamén se define dende a cidade por simple oposición a un estilo de vida urbano. Ela séntese orgullosa da súa procedencia, sendo o claro exemplo da importancia de traballar a autoestima e o apoderamento das persoas novas e, especialmente, das mulleres.