Quen é Rosa Mar Maseda?

Rosa é Enxeñeira e Técnica Agrícola e Agrónoma. Nada nos montes que verten cara a mariña galega, traballou durante anos en A Fonsagrada nunha entidade de asesoramento a profesionais do sector gandeiro.

 

RL

 

Estudos de capacitación profesional e primeiros pasos profesionais

Rosa naceu en Baroncelle, unha parroquia de Abadín, no ano 1982. O seu primeiro colexio foi a Escola Unitaria de Baroncelle unha das últimas da provincia de Lugo que pechou, na cal podía cursar dende párvulos ata 5º de EXB.  Despois foi para o colexio de Abadín, que estaba a 15 minutos en autobús dende a súa casa. Garda un excelente recordo da escola unitaria e aínda mellor dos 30 minutos que ían andando dende a casa ata a escola. O único que notou en falta no cambio foi que, cando chegou a Abadín, se decatou de que na escola de Baroncelle nunca tiveran clase nin de Educación Física nin de Inglés. Non lembra con cariño o cambio para Abadín, xa que poder ir a unha escola cerca da casa camiñando tiña un gran valor para ela.

Ao remate da etapa escolar en Abadín a situación obrigábaa a trasladarse a Vilalba para continuar os estudos ou marchar para Lugo. Ningunha das dúas serían posibles e, finalmente, solicitou praza na Universidade Laboral de Vigo, no ano 1996. Con trece anos experimentou un cambio que, aínda que de primeiras foi duro, rematou por iniciar unha época de descubrimentos e novas amizades. Estudou no IES Manuel Antonio e estivo, durante todo ese tempo, vivindo en réxime de internado con outras rapazas galegas.

Ao rematar en Vigo regresou a Lugo para cursar Enxeñería Técnica Agrícola, formación que ampliaría cunha Enxeñería Agrónoma. Rematados os estudos fixo as súas primeiras incursións laborais dando formación en competencias informáticas. Posteriormente traballou en Vilalba nunha Asociación de Defensa Sanitaria e na Confederación de Empresarios de Lugo.

Con 26 anos comezou na Asociación de Gandeiros de A Fonsagrada, onde se mantivo ata o momento presente. Aínda que actualmente se atopa nunha situación de transición laboral, as súas funcións na entidade estaban relacionadas co asesoramento. Considera necesario o papel que xogan este tipo de colectivos, xa que son unha ponte entre a comunidade e as administracións.

 

Muller e emprego

Se ben cando traballaba na Fonsagrada, durante os primeiros 5 anos decidiu vivir no pobo, posteriormente mudouse a Lugo para ter máis acceso á ensinanza de idiomas. Rosa facía todos os días dúas horas de traxecto, tempo que trataba de ocupar de diversos xeitos, aínda que o seu predilecto era a conversa de alguén que viaxase ao seu carón. Considera que se cuestiona o tempo de desprazamento dende as comunidades rurais, pero que non se pon en tea de xuízo ese mesmo traxecto se se fai nunha cidade.  

En canto ao éxodo feminino, segue recoñecendo unha tendencia das mulleres a procurar outras experiencias nos núcleos máis grandes. Aínda persiste o modelo que empurra a determinadas mulleres rurais a realizar traballos non remunerados, na súa maioría relacionados coa atención a outras persoas. Laboralmente, as alternativas máis comúns relaciónanse coa axuda a domicilio, coa agroindustria ou coa prestación de outro tipo de servizos.

A gandería segue sendo un territorio de homes, aínda a pesar das recentes incorporacións femininas. Segue a quedar moito espazo por gañar para as mulleres; aínda que elas participen do proceso de toma de decisións, en moitos casos séguese contando cunha figura masculina que valide esa determinación. Rescata o exemplo do trato de gando, onde a penas son frecuentes os acordos comerciais pechados por mulleres, aínda que sexan elas quen leven o groso da explotación ás súas costas.

 

Cultura e medio rural

As asociacións xogan un papel determinante na organización do tempo de lecer das pequenas localidades. É esencial que estas ofrezan actividades relacionadas coa formación, e co entretemento, pero tamén co acompañamento.

O asociacionismo, o cooperativismo transforma. As relacións de apego e confianza que se establecen son fundamentais, pero é un erro deixarlle ao azar a boa sorte das actividades culturais. Sería preciso, recoñece Rosa, contar cunha figura que dinamice o tempo de lecer. Alguén que sexa capaz de analizar as necesidades de cada grupo de idade e que programe unha alternativa de calidade e accesible económicamente.

 

Futuro e medio rural 

Rosa observa as tendencias actuais de asentamento cunha certa preocupación. Considera que a poboación tende a achegarse ás cabeceiras de comarca debido a que é nestes lugares onde se concentra o groso dos servizos. Abadín é exemplo desta modelo: debido a que non había instituto, as crianzas da parte norte marchaban para Mondoñedo, e a Mariña pasaba a ser a súa zona habitual, mentres que os do sur emigraban a Vilalba ou Lugo. Este feito non deixa de ser unha barreira que fomenta a exclusión nas etapas non obrigatorias. Na promoción de Maseda houbo soamente tres persoas que realizasen algún tipo de formación superior, realidade que ela atribúe ao custo que tiña na época apostar pola educación noutros lugares. Hoxe en día non pode ser asumible que no rural sexa máis custosa a formación ca nos núcleos urbanos, ben pola dificultade de acceso a plans formativos ben pola inexistencia dos mesmos.

No tocante ao sector gandeiro, considera que é imprescindible comezar a propoñer ganderías que se sitúan fóra do núcleo onde se habita. Débese entender con normalidade o feito de ter a actividade nun lugar ao que as persoas se desprazan para traballar, e máis agora, que os avances tecnolóxicos permiten xeo localizar os animais ou controlar os partos por cámara.

A tendencia xeral no sector gandeiro deriva cara as explotacións grandes, en extensivo e con base territorial. Serán modelos de negocio orientados á produción en ecolóxico e que conten con máis profesionais formados no sector. A xente nova está mostrando outro tipo de atribucións (notablemente máis positivas) en canto ao traballo no sector gandeiro. Rosa establece unha comparativa entre os primeiros anos na entidade de asesoramento e os últimos, e relata os feitos anteriores con satisfacción. É crucial incidir no asesoramento en canto á organización da actividade, xa que a gandería non pode ser sinónimo de non ter tempo libre ou de non ter un salario digno.

A formación é un aspecto crucial dentro do sector agropecuario. A realidade cambia con moita rapidez e, coma en calquera outro traballo, faise preciso innovar para non quedar atrás.

 

Despoboamento e medio rural

A nivel laboral, o despoboamento maniféstase a través das dificultades que se atopan para nutrir as explotacións de profesionais. Maseda considera que aínda perduran os prexuízos relacionados con traballar para outra gandería, xa que hai persoas (maioritariamente de idade avanzada) que consideran negativo facer este tipo de tarefas. Podería dicirse que, a igualdade de salarios, hai oficios que teñen máis estatus ca outros.

Doutra banda, aquelas persoas que xa non tiveron contacto coas realidades gandeiras non contan cos coñecementos que se requiren para facer a actividade. Sería necesario, por tanto, un período formativo dentro da propia explotación, algo que non sempre se contempla.

É preciso traballar dende a óptica do optimismo que é consciente das dificultades pero que trata de buscar as vías para que as persoas que teñen interese poidan facer vida no medio. Xerar ilusión, di Maseda, é o reto fundamental que teñen agora mesmo as zonas con baixa densidade de poboación. E nesta aventura é fundamental transmitir modelos de éxito e fomentar que as persoas se asesoren entre elas.

 

Identidade rural

Para Rosa, o medio rural é vida, paz e tons de cor verde. É unha mestura entre a natureza e a actividade, un espazo onde deben coller as mulleres e tamén as crianzas.

Debe ser un espazo que permita que cada persoa tome as súas propias decisións e que poida dispoñer a gusto do seu tempo de traballo e de descanso. A calquera persoa nova recoméndalle que saia ao exterior, que viva experiencias e que tome as súas propias decisións. Ver e mirar con ollo crítico sempre será positivo para para mellorar a contorna.