Quen é Verónica Marcos?

Verónica Marcos é a actual Presidenta de Fademur Galicia. Residente na comarca de Os Ancares, leva ás súas costas diferentes experiencias habitando e traballando polo medio rural.

 

RL

 

Estudos de capacitación e primeiros pasos profesionais

Verónica naceu en Nullán (As Nogais) no ano 1970. Estudou na Escola Unitaria do pobo ata os once anos, momento no que este servizo cesou e ela se incorporou ao CEIP de As Nogais para cursar 5º de EXB. Posteriormente foi ao IES de Becerreá, feito que implicaba residir durante a semana fóra da casa. Con catorce anos, igual ca moitas outras crianzas da comarca, vivía interna no núcleo becerrense. Lembra o choque de atoparse a esa idade fóra da casa, con máis liberdade e ausencia de control materno ou paterno. Con todo, cree que soubo xestionar a situación e sóubose arroupada por moitas mozas e mozos que estaban na súa mesma situación, creando un grupo de apoio que segue a conservar no presente.

Rematado aquel período marchou á Coruña para estudar Filoloxía Galego Portuguesa, titulación que escolleu despois de quedar fóra en Dereito e de considerar que, na casa, non comprenderían que lle interesase facer Arte Dramático. Regresaba á casa cada dúas ou tres semanas e, mentres tanto, a vida discorría sen máis vías de comunicación coa familia ca un teléfono público que había en Nullán. Nai e filla acordaban a hora para chamarse, e mantiveron este modelo durante toda a etapa universitaria, xa que a liña telefónica había de chegar ao rural das Nogais bastantes anos despois. A pesar da distancia e de vir á casa cada tres semanas, nunca sentiu a desconexión coa súa contorna.

Xa coa formación rematada estivo traballando como formadora en diversos cursos, aínda que decidiu regresar á casa para facerse cargo da queixería familiar. Este relevo xeracional non se produciu a cegas: fixo diferentes formacións na Aula de Produtos Lácteos de Lugo. Durante 16 anos estivo ocupándose desta actividade, a cal compaxinou co seu emprego en Fademur e en Unións Agrarias. Foi precisamente a través do Consello Regulador que se ocupaba do Queixo do Cebreiro como lle fixeron unha oferta de emprego para a área de muller de Unións Agrarias

A principal dificultade da queixería era a dispoñibilidade de leite de proximidade, polo que finalmente decidiu cesar a actividade. Non obstante todo sigue igual que cando se fixo o último queixo: aínda que houbo diversas ofertas de compra, ela nunca quixo desprenderse de nada, porque aínda non desbota regresar á produción nalgún momento da vida.

 

RL

 

Cambios profesionais: Fademur e Unións Agrarias

A función inicial de Verónica nas entidades mencionadas era ocuparse das necesidades das mulleres da provincia de Lugo. Aínda que comezou no traballo coa idea de formarse e regresar á oficina de Becerreá, xa quedou definitivamente na cidade. Sen embargo regresaba todos os días a Nullán (e ségueo facendo), quedando na cidade exclusivamente as noites nas que ameazaba a neve.

Dende fai un ano ocúpase da presidencia de Fademur Galicia, posto que ocupará durante os tres próximos anos. A pesar do complexo que é ser a cara visible dunha organización cree que o traballo coas mulleres é moi agradecido, que conta con poucas doses de conflito e con moitas mostras de solidariedade. Define o traballo da organización coma aquel que se dedica a poñer en valor o traballo das mulleres rurais, coa clara intención de enchelo de luz e visibilidade, xa non só de cara á sociedade senón para traballar a percepción delas.

 

RL

 

Muller e sociedade rural

Falando de roles de xénero, destaca a baixa presenza feminina en procesos de participación social. A pesar de que elas son moi activas e participativas, os datos de participación municipal son preocupantes: en 307 concellos galegos soamente hai 59 alcaldesas. Soamente o 4% das cooperativas teñen presidentas, aínda que o número de socias representa o 49%. As razóns débense buscar nas atribucións e nos roles de xénero: as mulleres tenden a considerarse menos válidas chegando a restarlle valor ao seu propio traballo incluso cando é exactamente igual ao realizado por un home.

A pesar das cifras, non considera que a situación sexa máis alarmante no rural ca no urbano. Se ben as situacións de violencia de xénero son máis descoñecidas (porque se mostra máis rexeitamento á denuncia), Estánse producindo importantes cambios na incorporación de mozas novas ao sector primario tendo sido especialmente relevantes, a este respecto, as axudas á incorporación.

Fademur está en funcionamento dende o ano 2004, período dende o cal se abordaron unha infinidade de temas, entre eles a violencia de xénero. De algún xeito están prestando axuda nun eido que non está cuberto por outro tipo de servizos, como poden ser as Casas da Muler ou os Centros de Información á Muller.

 

Educación e medio rural

O pai de Verónica sempre quixo que as crianzas estudaran, sen facer ningún tipo de distinción por xénero. Nunca se propuxo que soamente fixese carreira unha parte para que a outra continuase a traballar no fogar e esa é unha liberdade necesaria para poder desenvolver sentimentos positivos cara o lugar.

A súa experiencia universitaria déixalle o peso de que, na época que ela viviu, sí había certos estereotipos sobre os habitantes do rural. Aínda que en Filoloxía non era frecuente (pola carga ideolóxica da propia carreira) sí se apreciaban noutras titulacións. Lembra unha situación, nun café con amigas, onde alguén preguntou (referíndose a ela): “¿Y esta chica siempre habla gallego?”, ao que outra respondeu afirmativamente, explicando que o motivo era pertencer á provincia de Lugo.

Por suposto, esta realidade mudou e fíxoo en gran medida. A apertura das pequenas aldeas ao exterior posibilitouse coa chegada dos vehículos particulares, o que derivou en que este tipo de situacións (que se produciron trinta anos atrás) hoxe en día nos parezan case imaxinadas.

 

Cultura e medio rural

É precisamente nas asociacións de mulleres onde Verónica observa un importante proceso de dinamización dos pobos. Nesas organizacións propóñense festas, viaxes e formacións. Aténdese, tamén, ás necesidades individuais das persoas a través do apoio colectivo.

En moitas ocasións son tamén estas asociacións as que se encargan de promover actividades extraescolares, influenciando o seu traballo a calidade do ocio das crianzas. Sen este tipo de tecido asociativo a cultura nos espazos rurais sería moito máis escasa e dependería en maior medida do achegamento aos espazos urbanos.

 

Futuro e medio rural 

No seu día a día, Verónica observa cómo se continúa transmitindo dende o sector gandeiro un discurso con determinadas tinturas negativas, as cales veñen derivadas das baixas retribucións económicas que se están a percibir pola produción. Mirando as estatísticas observa o futuro con algunhas dúbidas, xa que aínda se mostra moi pouco relevo xuvenil nas explotacións actuais (este ano incorporáronse 700 mozos e mozas en toda Galicia).

Non só é responsabilidade das familias traballar nos discursos educativos. Hai un importante quefacer a nivel administrativo: se dende as casas se considera que non hai suficientes recursos, non se animará á xente nova a continuar coa actividade. Segundo Marcos non é, por tanto, un problema de mentalidades, senón de rendabilidades. Se a estas eivas económicas se lle suma o empobrecemento do sector servizos entón xa se ten enriba da mesa dúas razóns de peso notable para tratar de favorecer a emigración das xeracións vindeiras.

As ratios non son unidades de medida adecuadas cando o que se discuten son os dereitos. Non é asumible non ter dereito a unha educación ou a unha sanidade de calidade simplemente por non chegar ás cotas demográficas mínimas. O rural nunca vai compensar numéricamente, polo que debe existir unha discriminación positiva para as persoas que o habitan.

 

Despoboamento e medio rural

É moita a literatura que se fai sobre o medio rural, pero non son tantas as intervencións que se tratan de facer no terreo. Os estudos son necesarios se permiten incidir sobre a realidade, e o que se está a observar é que os servizos continúan a ser deficitarios tamén naqueles lugares que foron tomados como referencia para comprender as necesidades do rural.

Falar do despoboamento e da importancia de actuar para frealo implica comprender o papel que xogan as persoas na preservación do medio. Sen xente que coide a contorna rural non vai ser posible entender estas áreas como zonas turísticas. Todo forma parte dun sistema tan ben relacionado que, se cae unha peza, entón o propio sistema mudará de xeito radical. 

 

Identidade rural

Houbo moitos termos que colleron forza despois da crise da Covid-19 e que están relacionados con habitar o rural por vez primeira. A Verónica Marcos preocúpalle este tipo de achegamentos, xa que é preciso adaptarse aos modos de vida e ás particularidades das comunidades. Non pode extrapolarse a maneira de relacionarse dun edificio de 50 vivendas a un pobo onde non hai nin 50 habitantes. Por isto é preciso, no proceso de crear identidades rurais, traballar para que a adaptación destas persoas poida producirse.

A calquera persoa nova, Verónica diríalle que nunca permaneza no lugar de xeito obrigado. É preciso viaxar para valorar o que se ten noutro espazo, xa que é nese punto de aceptación da realidade onde o apego se fai, se cabe, maior.